Quen somos? Quen dirixe as nosas vidas?.

Estamos atravesando o noso particular Rubicón que non sabemos ben que é o que nos vai ofrecer unha vez traspasado. Como di a expresión clásica “as ciencias avanzan unha barbaridade”, pero, sen embargo non sabemos ben cara onde nos levan.César tampouco o sabía, aínda así pronunciou aquela histórica frases de “alia jacta est” (a sorte está votada). Nós tamén estamos chamados a apostar pola nosa sorte, pola nosa vida.

Ultimamente os escritores Aldox Husley, coa súa obra “Un mundo feliz” na que nos anuncia que nun próximo futuro os seres humanos serán teledirixidos sen capacidade algunha para determinar a súa vida, unha marioneta nas mans de científicos sen escrúpulos, e George Orwell coa súa obra “1984” aparecen a cotío como base e fundamento de comentaristas para tratar de explicar en que mundo vivimos e cara a que mundo camiñamos. Será certo o que estes escritores nos avanzan? En realidade, se examinamos polo miudo as súas advertencias parece que non van mal encamiñados. Pero, realmente, fáisenos moi duro ter que admitir que non sexamos máis que bólas de golf que imos inexorablemente caer no burato que “os que mandan” xa teñen asignado para nós dende as alturas dos seus oráculos. E aí é onde aparece, por exemplo, Daniel Estulín co seu libro “Los secretos del CLUB BILDERBERG”, no que nos informa da existencia dun entramado secreto, un clube, a través do que os amos do mundo moven os fíos do poder mundial. Dinos que este Clube tivo unha decisiva intervención nos acontecementos ocorridos nos últimos 50 anos. Pon como exemplo a intervención do Clube para fragmentar Canadá. Curiosamente, sobre esta cuestión vense falando estes días; do interese de EEUU en que os nacionalistas canadienses puideran trunfar no seu referendo para independizarse do Poder Central. Será que para os norteamericanos un Canadá roto lles resulta máis manexable que un Canadá unido? Non parece unha idea desacertada.

En paralelo, tamén asistimos a unha frecuente “visita” dos comentaristas políticos e históricos as fontes clásicas. Personaxes como Platón, Aristóteles ou Tucídides, por citar uns cantos, saen á palestra con moita frecuencia. Parecera que estes homes foran uns adiantados no eido das ciencias humanas; como se o que daquela ocorreu poidera repetirse nestes momentos. É dicir, unha volta ao pasado.

Neste eido atopamos, por exemplo, a Sófocles coa súa obra “Edipo rey”. Nela pretende dicirnos que a liberdade non existe. O personaxe de Edipo repesenta o fracaso da razón fronte aos designios dos deuses.Cre que conseguiu escapar do destino que lle tiñan anunciado os oráculos e está decidido a descubrir polos seus propios medios a verdade. Sen embargo, a cada paso que dá non fai máis que precipitarse cara a súa ruína. Edipo vén sendo unha versión literaria do que xa nos ensinaron os estoicos: a enorme dificultade de explicar as accións humanas dende dúas perspectivas; dende a crenza espontánea de que somos libres e polo tanto responsables dos nosos actos, e tamén o empeño en explicar canto sucede para logo afirmar que a liberdade é unha ilusión.

Aquí atopámonos coas dúas crenzas relixiosas: o determinismo que nos di que todo está xa cocido; que fagamos o que fagamos, que as condutas humanas se explican dende principios científicos. Para os estoicos é a lei natural que todo o dirixe sendo ao mesmo tempo destino e providencia. O mundo medieval, sobre todo a Reforma e Contrareforma, pola contra pregúntase se Deus xa ten determinada a nosa salvación ou condea, se existe ou non marxe para a vontade libre de cada quen.

Unha parte dos científicos cren ter descuberto que a liberdade é unha ficción, un mito, unha superstición; pero acto seguido anímannos a construír unha sociedade mellor. En que quedamos? Somos ou non somos libres para determinar o noso destino?

A historia antiga é actualidade nestes momentos grazas á presenza das tecnoloxías dixitais. Gurús ben coñecidos revelan que todo está programado nos cerebros humanos, que somos dignos de compaixón todos os Edipos que estamos embaucados polo mito da liberdade. Que somos a combinación de xenes, neuronas e o mundo social; que nós non eliximos; que deciden en todos os casos de tal maneira que como persoas nada decidimos libremente.

Estamos diante dunha xa vella falacia: confundir determinación e condicionamento. Claro que cando tomamos decisións estamos condicionados por un número de factores que non eliximos. Chámanlle “a lotería natural”. Atende a características coas que nacemos; logo tamén nos pode tocar a “lotería social” conformada pola órbita cultural en que nos socializamos e vivimos. Tanto unha coma a outra, tócannos sempre aínda sen xogar; nelas non temos mérito nin culpa pero condicionan as nosas vidas.

Como as palabras non son inocentes, teñamos cuidado cando falamos de estar condicionados cando actuamos, porque non é o mesmo que estar determinados, de forma que non teñamos nin sequera un chisco de liberdade; sen esquecer tampouco que a liberdade humana nunca é absoluta, senón que se move nun mundo de condicionamentos, algúns dos cales posibilitan o exercicio da liberdade e outros obstaculízana.

As grandes tarefas do século XXI consisten en aproveitar os impagables avances tecnocientíficos para construír un mundo máis xusto dende a nosa indeclinable liberdade. Hoxe fálannos de non sei que algoritmos que poden manexarnos ao seu antollo e decidir por nós. Din coñecernos mellor que nós mesmos. Que o intenten non significa que o consigan; aquí está o noso persoal espazo de liberdade.

No mundo clásico de Sófocles este aparece con unha personalidade firme e equilibrada, sen desprezar os logros da novas ciencias; el manifesta unha fe relixiosa tradicional que defende todas as crenzas populares, aínda que recoñece a arbitrariedade e a cruel indiferenza con que os deuses manexan os destinos dos homes.

Quen son hoxe eses deuses? Aí os temos, segundo Aldos Husley e George Orwell. Hoxe os deuses que pretenden dominarnos chámanse televisión, medios de comunicación dependentes de poderes relacionados co Clube Bilderberg, escritores pagados para que escriban o que lles interesa a quen lles paga, enquisas falseadas que pretenden presentarnos como reais feitos que foron cociñados, etc.etc.

Estes días lemos como a UE está estudando poñer en marcha mecanismos que poidan controlar todo lixo informativo que nos chega aos móbiles, ás nosas televisións. Ao que parece “eses poderes fácticos” poden facer que cambie o signo e dirección de millóns de votos nun momento importante como son unhas eleccións.

A finais deste mes de abril estamos chamados a votar para elixir os 350 deputados que van conformar a nova Cámara Lexislativa (o Congreso dos Deputados) e ao Senado. Parece que nas votacións americanas das que saiu o doberman Tramp eses famosos algoritmos tiveron un papel destacado. Agora en Europa están as autoridades preocupadas, como hai varias eleccións queren asegurarse de que os resultados son os que os votantes decidiron. Aí están eses gurús informáticos que din controlan as nosas vidas. Aí está en xogo a nosa liberdade de elixir os nosos gobernantes aínda que nos enganemos e lle deamos poder a quen non o merece. Pero seremos nós quen o faga.

Estes son os desafios que hoxe temos sobre a mesa. Estaremos tan condicionados que non sexamos máis que marionetas na corda, que dicía aquela rapaza na súa canción?

Eu quero pensar que non. Claro que son consciente da influencia que exercen todos estes poderes dos que antes falei pero tamén son consciente, ou quero selo polo menos, de que esa pequena fenda de liberdade miña non ma van poder tapar. Por aí saen os meus pensamentos, as miñas ideas, as miñas decisións. Estou condicionado, sí; seino, pero tamén sei que se teño vontade firme e decidida serei quen de manexar eses condicionamentos.

Vdes. estean vixiantes, non acepten de boas a primeiras todo o que lles digan. Fagan comparacións e pidan outras opinións diferentes, tal vez así se decaten de que non todo o que facemos depende das novas tecnoloxías. Aínda nos queda unha pequena parcela de liberdade que temos que defender como gato panza arriba.Ánimo!; a libertade é o mellor tesouro que podemos posuír. Por ela deron a vida milleiros de seres humanos aos que temos a obriga moral de ofrecerlle a nosa loita polo que eles deron a vida: a liberdade. Sexan ceibes; sexan felices. Vémonos despois das eleccións.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»