“Que A Coruña e Vigo estean incluídas no corredor atlántico era o lóxico desde o minuto cero”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo unha primeira valoración do comunicado da Comisión Europea no que lle confirma persoalmente a proposta de anexión de A Coruña e Vigo no denominado Corredor Atlántico de Redes Europeas de Transporte.

Bruxelas | “Era un esquecemento moi grande deixar os portos de Vigo e A Coruña fóra da rede con graves repercusións económicas para Galiza”, destaca a eurodeputada do BNG, que afirma que esta emenda vén dada pola presión feita desde hai anos despois de que o Estado español se esquecera de incluílas na rede. Npn figurar na rede transeuropea de transporte significaba estar nunha pésima posición á hora de impulsar a economía.

Oportunidades perdidas

Ana Miranda lembra que, desde que ela defendeu a inclusión de Vigo e A Coruña nesta rede no ano 2013, -na súa anterior etapa como eurodeputada-, o goberno do PP decidiu investir noutros territorios, mais non en Galiza, “deixando pasar moitas oportunidades que até agora foron oportunidades perdidas”.

Precisamente, tres das numerosas emendas presentadas no Parlamento Europeo para o período de financiamento 2014-2020 referíanse á inclusión do porto de Vigo na rede nodal de portos europeos, a modernización da liña Vigo-Porto e a inclusión do noso territorio ao Corredor Atlántico de transporte de mercadorías por ferrocarril. Unha das emendas aceptadas foi a conexión do ramal de Palencia aos portos e plataformas intermodais de Vigo e A Coruña, para que o Estado o cofinanciase con fondos europeos.