• Segue conectado
  • |

Preto de 600 persoas participan esta fin de semana no programa da Deputación “En Ruta coa Depo 2019”

Veciñas e veciños de Pazos, Redondela, Vigo, Vilanova, Crecente, Ponte Caldelas, A Estrada e Marín percorrerán recursos turísticos da provincia

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra organiza a través do programa “En Ruta coa Depo 2019” nove novas excursións nas que participarán preto de 600 persoas de oito concellos da provincia de Pontevedra. En concreto falamos de 594 veciñas e veciños de Pazos, Redondela, Vigo, Vilanova, Crecente, Ponte Caldelas, A Estrada e Marín que percorrerán as comarcas do Baixo Miño, Salnés, Pontevedra, Vigo e Deza.

Máis polo miúdo, este sábado, 54 persoas da Asociación Social e Cultural do Pensionista de Pazos de Borbén visitarán o castro de Santa Trega na Guarda e en Tui o conxunto histórico, monte Aloia e Alto dos Cubos. Ese mesmo día outras 108 persoas da Asociación Cultural e Social de Chapela percorrerán Cambados e outras 54 da Asociación Veciñal Emilio Crespo de Vigo viaxarán ata a ría de Arousa, visitando a Illa da Toxa, realizando un percorrido pola ría, e coñecendo o Museo da Salga do Grove e o xacemento da Lanzada. Pola súa banda, tamén o sábado un grupo de 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais o Campanario de Vilanova desprazarase ata a Illa de Ons.

O domingo serán cinco as entidades que percorran diferentes recursos da provincia de Pontevedra. Deste xeito, un grupo de 108 persoas da Asociación de Veciños de Chapela visitará a comarca de Pontevedra e outro de 54 pertencentes á Asociación de Mulleres Rurais San Pedro de Crecente desprazarase ata Agolada e Vila de Cruces. Tamén o domingo 54 persoas da Asociación de Veciños da Insua de Ponte Caldelas visitarán o castro de Santa Trega na Guarda e o conxunto histórico, monte Aloia e Alto dos Cubos en Tui. Pola súa banda outras 54 persoas da Asociación Amas de Casa de Arnois na Estrada acudirán ata a ría de Arousa, visitando a Illa da Toxa, realizando un percorrido pola ría, e coñecendo o Museo da Salga do Grove e o xacemento da Lanzada. Finalmente, un grupo de 54 homes e mulleres da Asociación Labirinto de Mogor de Marín visitará a Illa de San Simón e tamén o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela.

O programa “En Ruta coa Depo 2019” oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.

Publicado o 12 Xul 2019 en Participación Cidadá, Pontevedra, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies