• Segue conectado
  • |

Presentado o poemario “Sacar a Bailar” de Rosalía Fernández Rial na Casa de Galiza en Madrid

 

Madrid | A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu este 12 de Xaneiro a presentación do poemario “Sacar a bailar”, en edición bilingüe, galego e castelán, de Sial-Pigmalión, no que a autora coruñesa Rosalía Fernández Rial (Carballo, Muxía) reúne poesía creada entre 2009 e 2016.

Na presentación do libro interviñeron, ademais da autora, o actor e escritor Nancho Novo, o profesor, crítico literario e poeta Vicente Araguas, o editor Basilio Rodríguez Cañada e, en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, o coordinador de Actividades Culturais da entidade, Ramón Jiménez.

Jiménez observou que a obra conta con prólogo de Montse Pena Presa e cuberta de Xiana Lastra Pernas e explicou que Rosalía Fernández Rial “é, ademais de poeta, dramaturga, actriz performer, impulsora de diversos proxectos de alento musical, así como profesora e investigadora en didáctica das linguas; é dicir toda unha artista multidisciplinar”.

Novo declarou que Fernández Rial “pertence a unha xeración que me produce admiración, e mesmo estupefacción, polo que sabe, polo que sente e polo que se compromete” e afirmou que a autora “consegue facer poética filosófica e filosofía poética”. O actor finalizou a súa intervención coa lectura de dous poemas do libro “Sacar a bailar”, cuxo título, dixo, lembráballe as verbenas dos pobos.

Rodríguez Cañada opinou que Rosalía Fernández Rial entende a poesía “como un todo que excede o escrito e esténdese cara a outros xéneros”. Como Jiménez, lembrou que a autora non só é poeta senón tamén dramaturga, actriz, impulsora de varios proxectos musicais e profesora e investigadora en didáctica das linguas, para concluír que “todas estas facetas entrecrúzanse, creando unha poética híbrida, heteroxénea, singular”.

 

Araguas cualificou de “considerables” tanto á obra como á autora. Valorou que o libro é “compendio (dicir exhaustivo sería dicir demasiado sobre unha poeta nacida en 1988) dunha obra poética en marcha, progreso e, aínda, progresión”. “Rosalía Fernández Rial, logo de cinco libros de poemas (empéñase en chamarlles poemarios, alá ela) estupendos pode considerarse bastante máis que unha poeta emerxente. Eu chamaríalle poeta que avanza, que nada, polo mar proceloso da poética galega, tan transido por mulleres poetas espléndidas, con movementos vigorosos e harmónicos”, expuxo, engadindo que a súa obra mostra a “unha autora que ama a música e o teatro e exerce de ´performer´ nun labirinto de espellos”.

Segundo a propia autora, “´Sacar a bailar´ supón un tránsito da reflexión lírica á acción poética. Implica pensar cos músculos e materializar os paradigmas verbais: amar desde os pés, falar entre mans, converterse en convite. ´Sacar a bailar´ é ser a invitación mesma, en movemento, personificada”.

Fernández Rial, pechou o acto cun breve recital, mostra da súa obra, e a proxección do vídeo promocional da mesma (https://www.youtube.com/watch?v=3jqC_WljY7w).

Publicado o 18 Xan 2017 en Libros, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies