Presentado na Casa o libro “Manuel Fraga un gallego cubano, Fidel Castro un cubano gallego”, de Miguel Ángel Alvelo Céspedes

O acto contou coa asistencia do embaixador de Cuba en España e dúas das irmás de Fraga

Madrid | A Sala A da Casa de Galicia, sede institucional da delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta tarde a presentación do libro “Manuel Fraga un galego cubano, Fidel Castro un cubano galego”, de Miguel Ángel Alvelo Céspedes. A obra, que foi prologada por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, establece as similitudes e diferenzas entre ambos os dous líderes políticos. No acto, tamén se proxectaron imaxes das visitas de Fraga Iribarne a Cuba nos anos 1991 e 1998; e contou coa asistencia do embaixador de Cuba en España, Eugenio Martínez Enríquez e as irmás de Don Manuel, Elisa e Margarita Fraga Iribarne.

 

Na mesa presidencial estaban o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López; o diplomático, Carlos Pérez-Desoy e o autor, Miguel Ángel Alvelo Céspedes. Nas súas palabras, Ónega definiu o libro como “de paixón, coñecemento e memoria” e presentou a Pérez-Desoy, subdirector xeral da Chancelaría do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación do Goberno de España; Cónsul de España Na Habana de 2000 a 2003; e Conselleiro da Embaixada de España Na Habana de 2006 a 2010.

Para Pérez-Desoy trátase dunha obra “escrita dende o corazón”, pois coñeceu o autor na Habana onde “xa sempre poñía grande empeño en todo o que emprendía”.

Ónega retomou a palabra para esbozar algúns datos biográficos do autor. Miguel Ángel Alvelo Céspedes, naceu en Camagüey (Republica de Cuba) o 1 de novembro de 1968. Está casado. É profesor de educación física e deportes, graduado na facultade Comandante Manuel Fajardo, na especialidade de Natación. Alvelo, foi o creador do primeiro Club Galego de Natación Rosalía de Castro, dentro das sociedades galegas en Cuba. E tamén director técnico da delegación de natación en Lanzarote, recoñecido pola Federación Canaria de Natación. A emigración española cara a américa, e en concreto a Cuba -foi sempre-, a súa preocupación e inquietude, e por iso creou unha páxina web onde así o expresa, coa que desexa facer unha ponte entre España e América, para que o vello continente e o novo sexan cada día máis fortes, máis importantes e máis puxantes no mundo.

Este é o seu primeiro libro, froito da súa faceta de escritor e investigador histórico sobre temas migratorios e comerciais. Agora está a preparar o segundo sobre “O Encanto da Habana”, a orixe dos almacéns españois “Galerías Preciados” e “El Corte Inglés”, fundados por emigrantes que tiveron, a súa primeira escola comercial na Habana.

Pola súa banda, Alvelo Céspedes comentou como se formou a familia de Fraga, que tiña un amor especial por Cuba, e sempre o demostrou. De feito, Cuba foi ao primeiro lugar estranxeiro ao que viaxou como presidente de Galicia. No libro conta que o pai de Fraga, -Manuel Francisco de Sales Fraga Bello, tal e como aparece na súa partida de bautismo, nacera o 29 de xaneiro de 1887 nunha pequena aldea de San Jorge de Rioaveso, no concello de Vilalba, Lugo-. O pai de Fraga tomou a decisión de emigrar despois de ver a casa dun indiano de nome Manuel Santalla, cando ía ao pobo do lado a comprar unha botella de viño que lle encargaran. Volveu coa botella e a clara idea de ir a Cuba para ter unha casa como aquela. Cumpriu a súa palabra e non só viaxou el, pois o seu exemplo foi seguido polos seus irmáns. Os inicios do pai de don Manuel na illa foron no poboado de Manatí, ás ordes do enxeñeiro navarro, o marqués de Aguayo. Á casa do marqués chegou a nai de Fraga, María Iribarne Dubois, pola mediación dun párroco que lle formulou a posibilidade de traballar para esta adiñeirada familia de Cuba. Alí coñecéronse, namoráronse e alí naceron os irmáns maiores de D. Manuel.

En relación a Fidel Castro, Alvelo veo máis como unha cuestión xenética, lonxe do cubano mulato ou indio. Fillo do galego Ángel Castro, naceu e criouse entre galegos e xesuítas. A presentación completouse cunha serie de gravacións realizadas nas visitas de Fraga a Habana e de Fidel a Galicia.

Máis información nas web: www.elnuevohistoriador.com