• Segue conectado
  • |

Ponteareas recibe cinco propostas para modernizar a Praza de Bugallal

O goberno convocará á comisión de avaliación formada por técnicos e representantes de toda a corporación

Ponteareas | Pechado o prazo de recibir as propostas do concurso de ideas para a reforma da Praza de Bugallal e arredores o goberno de Ponteareas convocará á comisión de avaliación formada por técnicos e representantes de toda a corporación para estudar as cinco propostas presentadas que optarán a transformar esta céntrica praza, eixo da vida social e comercial da cidade.

Posteriormente realizarase a exposición pública das ideas recibidas que deberán, entre outros moitos aspectos, encaixar co día a día dos usos da Praza de Bugallal na que conflúe non so a veciñanza no seu tempo de lecer se non tamén actividades litúrxicas propias da igrexa, postos ambulantes nos días asignados, actividades lúdicas, deportivas e de ensino e as alfombras do Corpus, entre outras moitas.

Participación Cidadá

O concursante gañador, unha vez contratado, deberá organizar reunións cos concelleiros e celebrar unha xornada de participación coa veciñanza para escoitar as súas demandas, antes de elaborar o proxecto de obra definitivo.

Este proxecto enmarcado dentro das liñas de actuación da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” cun orzamento de máis de 600.000€ (proxecto de obra, direción de obra e execución) a mellora da Praza de Bugallal realizarase con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

A comisión de valoración na que participan técnicos de recoñecido prestixo e todos os grupos políticos da Corporación municipal, valorará a solución técnica e económica máis óptima e na que se vexan reflectidas as necesidades e o sentir da cidadanía.

A mellora da accesibilidade, das posibilidades de uso do espazo público, da calidade do aire, da mobilidade urbana e o respeto polos usos e costumes habituais da praza son algunhas das directrices a valorar na redacción do proxecto.

No concurso de ideas ademais das actuacións a realizar na Praza de Bugallal e na súa contorna tamén contemplará un área de estudio para no futuro actuar co mesmo criterio nos arredores do auditorio, avda Constitución e primeiro tramo de Vidales Tomé.

Con esta iniciativa comeza a materializarse unha das liñas da estratexia nas que tamén se contemplan outras que van desde o desenvolvemento sostible á revitalización da economía pasando pola implantación de sistemas de aproveitamento de biomasa, a recuperación de zonas verdes, a inclusión activa e a loita contra a discriminación, a mellora da administración local a través das TICs, a mellora da eficiencia enerxética, a mellora do patrimonio e da contorna do río Tea, o apoio ao comercio e a mellora do casco vello, son algunhas das liñas recollidas na estratexia.

“Ponteareas, Hábitat Saudable” enmárcase dentro dos fondos europeos de desenvolvemento rexional subvencionada con 5.000.000€ polos Fondos FEDER.

Publicado o 3 Feb 2018 en Participación Cidadá, Ponteareas.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies