• Segue conectado
  • |

Ponteareas incrementará as axudas de emerxencia social

A partida subirá dos 90.000 euros actuais ata os 110.000 euros e modificarase a ordenanza das axudas para chegar a un maior número de familias

Ponteareas | O Goberno local de Ponteareas vén de anunciar a súa intención de incrementar a contía da partida destinada a Emerxencia Social nun 22%, o que permitirá que pase dos actuais 90.000 euros ata os 110.000 euros. Paralelamente, o Executivo que preside Xosé Represas, incrementará tamén os baremos utilizados nestas axudas “de cara a dar cobertura a un maior número de familias que, na actualidade, non poden acceder ás mesmas”, explica o alcalde ponteareán.

 

Os actuais baremos utilizan como referencia o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, IPREM, un indicador que o Goberno do Estado “ten aínda sen actualizar, cando tería que ser incrementado como aconteceu co Salario Mínimo Interprofesional”, explica o concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso.

“A conxelación do IPREM dende o ano 2010 ata o pasado 2016, provocou unha perda acumulada de 6,2 puntos o que incide negativamente nas políticas de protección social”, explica o concelleiro Manuel Troncoso, que ve “absolutamente necesaria” a aplicación na actualización do IPREM “dos criterios e variables que correspondan para evitar a desvalorización das prestacións básicas”.

O concelleiro ponteareán salienta que, a actualización do IPREM debe, por unha banda, “recuperar o poder adquisitivo perdido” e por outra “garantir o mantemento do seu valor ao longo do tempo”.

En todo caso, o Concello de Ponteareas non esperará a que o Goberno do Estado actualice ditos valores e, por iniciativa de Manuel Troncoso despois das pertinentes conversas e reunións coas profesionais de Servizos Sociais, “incrementará o límite dos baremos utilizados nun 6,5%, o que supoñerá que familias que ata agora quedaban fóra, poidan ser atendidas”.

Esta proposta, que será presentada no Consello Sectorial Social antes de ser levada a Pleno, non fai máis que reflectir “a sensibilidade que o Goberno local ten con todo o que teña que ver con emerxencia social e coa axuda ás familias que máis o precisan”, afirma o alcalde de Ponteareas.

Nese sentido, Xosé Represas, ten claro que o Goberno local non pode estar á espera de que “o Goberno do Estado faga os seus deberes” xa que, conclúe o rexedor municipal “as familias que precisan deste tipo de axudas, non están para esperas”.

Publicado o 11 Feb 2017 en Ponteareas, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies