Petición aula da UNED no Porriño

UNED

O Porriño | O Pleno do Concello do Porriño aprobou solicitar ao Centro Asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Pontevedra que permita a apertura dun aula da universidade na vila.

Hai que lembrar que o pasado 16 de marzo a alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, de Emprego, Soledad Girón, a voceira do Grupo Municipal de Non Adscriitos, Sabela Landín, e o presidente dos empresarios do Polígono de A Granxa, Indalecio Cuevas, mantivera unha entrevista coa directora da UNED de Pontevedra, Beatriz Rodríguez, para tentar de traer a O Porriño a devandita aula que, inicialmente, impartiría o Curso de Acceso á Universidade para maiores de 25 anos pero que, nun futuro próximo, en colaboración co Concello e os empresarios dos polígonos industriais, tendo en conta as necesidades de cualificación profesional dos mesmos, iríase ampliando a outras materias, con prácticas en empresas.

“A nosa prioridade é, dende que iniciamos este mandato, a xeración de emprego e o mellor xeito de facelo, como amosa a baixada das cifras do paro, é voltar a ollada aos polígonos industriais que temos no Porriño e que empregan a milleiros de persoas”, subliña a alcaldesa.

Con esa intención, “e entendendo que a existencia dunha aula da UNED non debe de ser iniciativa dun so grupo político, senón que toda a Corporación amose o seu compromiso de xeito que o mesmo se manteña, goberne quen goberne , presentamos esta iniciativa”.

Eva García de la Torre lembra que é “imprescindible” poder ofrecer aos cidadáns “unha formación de calidade, que atenda as necesidades das empresas e que facilite que as porriñesas e porriñeses accedan á formación universitaria sen ter que desprazarse a Pontevedra, Tui ou Vigo”.

Con este obxectivo, apenas 12 horas despois de que o Pleno aprobase que se solicite a instalación da aula da UNED, a propia alcaldesa, xunto coa concelleira de Educación, e o concelleiro de Urbanismo, Industria e Comercio, estivo visitando e considerando posibles localizacións para esta aula, localizacións que deben cumprir, característica principal a de poder medrar a medida que o faga o número de materias que se poidan estudar na mesma.