Os viños da adega das Neves “Señorío de Rubios” contan xa co selo de Garantía de Galicia Calidade

Novas do Eixo Atlántico - Señorio de Rubios

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron hoxe entrega nas Neves do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa pontevedresa Señorío de Rubiós.

Con este recoñecemento, os viños desta compañía, certificados polas denominación de orixe Rías Baixas, poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo de calidade da Xunta. Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con viños das cinco denominacións de orixe, cun total de doce adegas: Rías Baixas, con Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Adegas Valdés, Vilarvín, e agora Señorío de Rubiós; Monterrei con Quinta do Buble e Gargalo; Ribeiro con Bodegas Narioa; Valdeorras con Bodegas Ruchel e A Coroa; e Ribeira Sacra con Regina Viarum e Vía Romana. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños de Señorío de Rubiós incluír o distintivo nas etiquetaxes así como nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno.

“A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 52 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario”.

Aposta pola calidade
Señorío de Rubiós é unha adega da subzona do Condado do Tea que aposta desde a súa creación polos viños brancos e tintos da zona. A súa filosofía baséase en recuperar e manter a esencia dos viños de sempre, os que elaboraron os viticultores ao longo dos anos e que mellor expresan as características destas viñas.

Desde a súa constitución no ano 2003, a adega traballou para recuperar e potenciar os viños tradicionais da localidade, como o condado branco (coas variedades treixadura, albariño, loureiro, godello e torrontés), o sousón ou o pedral, que se elabora só nesta adega. Unha aposta que lle permitiu gañar numerosos premios en diferentes concurso nacionais e internacionais

Señorío de Rubiós conta neste 2015 cunha produción que supera o medio millón de litros, entre os seus viños tintos, brancos e espumosos. Na actualidade a adega traballa na súa internacionalización, cunhas vendas que superan o 20% do total en países como Estados Unidos, Reino Unido, Suíza, Bélxica, México, Polonia, Australia ou Xapón.