Os tesouros do Castro de Doade en Lalín

Por Manuel Blanco Villar

Lalín | Tras un mes cheo de longas xornadas de traballo, rematou a 5ª campaña arqueolóxica no Castro de Doade (Lalín) iniciada o pasado 14 de maio, executada por un equipo de cinco arqueólogos profesionais e cinco estudantes de máster da USC, baixo a dirección científica do profesor José Manuel Caamaño Gesto e a dirección técnica de Vanesa Trevín Pita.

Os resultados non podían ser máis satisfactorios: Un foso xigante de 5,30 m. de fondo por 8 m. de ancho, sito no antecastro a case 50 m. da muralla, o descubrimento do lenzo externo da muralla na zona da entrada ó recinto, varios espazos de uso romanos na zona habitacional e tamén colmatando o recheo do mencionado foso, que datan dos séculos IV e V d. de C. e milleiros de restos (coitelo de ferro, machado de pedra, doa de colar, céramicas de decoración moi variada, cravos, líticos, pallabarro…), que parecen indicar a prolongación ocupacional do castro ata pretodun milenio. Haberá que esperar seis meses ás conclusións definitivas da memoria final.

Imponse cara a futuro profundizar no complexo sistema defensivo do Castro que parece ter polo menos dous fosos máis que engadir os dous xa localizados (un deles, dobre), formando un verdadeiro laberinto en torno a gran muralla da “aurela”, que resulta sorprendente e tal vez único por estas latitudes. É este, sen dúbida o primeiro tesouro localizado no castro: unha verdadeira xoia para a que solicitaremos todo tipo de colaboración pública e privada ata conseguir sacar á luz todo o seu esplendor para que a parroquia, o Concello, a comarca e a provincia posúan un lugar de visita obrigado a nivel internacional.

No nome da Casa do Patrón, fai tempo que me quedei sen verbas suficientes no dicionario para agradecer de todo corazón a profesionalidade e o esforzo demostrado pola Empresa Argos, S.L., encargada da execución das obras, ó profesorado e alumnado da Facultade de Arqueoloxía da USC e ó persoal de apoio da Casa do Patrón.

Pero sobre todo, quero resaltar o entusiasmo e o exemplar comportamento da totalidade dos veciños de Doade que están mostrando como ningún outro pobo que eucoñeza o amor incondicional que lle profesan o noso Castro, poñendo a disposición as súas fincas para facilitar o paso e mesmo para escavar, axudándonos coa maquinaria precisa e dándonos a cotío os folgos que precisamos nos momentos máis críticos, que os tivemos, porque a tarefa non resultou nada doada. Velaí o segundo tesouro do noso querido Castro: os habitantes da parroquia, que vimos sendo os descendentes e herdeiros dos mitolóxicos seres que construíron esta marabilla.

Todo isto é o que nos impulsará a seguir loitando contra vento e marea, para descubrir ata onde nos permitan as forzas a gran riqueza arqueolóxica desta parroquia, que xa pode presumir de contar cun dos castros máis escavados e estudados de todos cantos hai en Galicia.

E como cada pobo ten o que se merece, antes de rematar ó presente ano, Doa deterá o privilexio de editar un libro e unha guía turístico-cultural do Castro e a súa contorna, nos que se explicará en detalle o traballo realizado e as posibilidades futuras desta gran parroquia neste eido, que será presentado e repartido entre os veciños no mesmo instante da súa publicación, porque se gañaron a pulso o pleno dereito de ser os primeiros en coñecelo.

Qué outros tesouros nos agardan agochados no Castro, nas mámoas, na Cova dos Mouros e en tantos outros misteriosos lugares que conforman a nosa alucinante historia?