Os pregos da xestión de Nostián terán en conta as demandas dos concellos da área metropolitana

Inés Rey reuniuse esta mañá en María Pita cos rexedores do Consorcio das Mariñas para analizar cal será o papel do ente supramunicipal na futura concesión da planta de Nostián

A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniuse esta mañá en María Pita cos alcaldes e alcaldesas que integran o Consorcio das Mariñas para explicarlles os plans que o goberno local ten para a planta de tratamentos de residuos de Nostián, así como as modificacións do novo prego de condicións técnicas e administrativas do servizo que está a redactar a concellería de Medio Ambiente e que aínda se atopa nunha primeira fase, “Cando chegamos o prego non estaba redactado, senón nunha fase inicial”, apuntou a rexedora. Rey comunicoulles aos seus homólogos o estado no que se atopa a redacción do prego de contratación do servizo de xestión de residuos da planta de Nostián.

Inés Rey, que confirmou que o novo prego non estará listo para finais de ano, descartou a posibilidade de que se teña que esgotar a prórroga do contrato para o tratamento dos residuos “a idea non e esgotar a prórroga en ningún caso, a idea é dar garantías xurídicas nun contrato que terá unha duración de vinte anos”.

A alcaldesa explicoulles que o goberno local aínda non concretou a fórmula da futura concesión da planta de Nostián e comprometeuse a estudar as demandas dos concellos do Consorcio e, se non fose posible, establecer plans personalizados con cada concello.