Os pacientes do Rosal con sospeita de COVID-19 centralizaranse no centro de saúde da Guarda

O Rosal | Con motivo do COVID-19, o Sergas vén de reorganizar a asistencia de atención primaria para centralizar en determinados centros de saúde a atención aos pacientes con sospeita de padecer infección respiratoria por coronavirus. Con esta reordenación trátase de ofertar unha atención máis eficaz e resolutiva á veciñanza, ao tempo que se intenta protexer e preservar a saúde dos equipos de profesionais fronte ao coronavirus. No caso do Rosal, os pacientes con sospeita de padecer COVID-9 serán centralizados no centro de saúde da Guarda.

Este centro de referencia para o COVID-19 ao que serán derivados conta cun espazo de atención diferenciado para os pacientes con patoloxía respiratoria e cun encargado dos Equipos de Protección Individual (EPI’s) que coordinará a dispoñibilidade permanente deste equipos, necesarios para a atención deste tipo de pacientes, que se utilizarán conforme ao protocolo do Servizo de Medicina Preventiva da área.

A cidadanía debe chamar por teléfono
Nesta fase de contención da epidemia para evitar as concentración nas salas de espera e os contactos entre usuarios e usuarias nos centros sanitarios, a autoridade sanitaria da Área de Vigo ten promovido a modalidade de atención non presencial, que é a consulta telefónica.

Así, os usuarios deben chamar por teléfono ao seu Centro de Saúde e Punto de Atención Continuada antes de achegarse ao mesmo. Serán os profesionais os que, se o consideran necesario, indicarán a realización da proba diagnóstica do coronavirus.