Orzamentos Participativos na Coruña

Apertura do primeiro equipamento realizado na cidade en base ás propostas e decisións directas feitas pola cidadanía

orzamentos participativos en a coruña

A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Participación, Claudia Delso, participaron na apertura do primeiro equipamento realizado na cidade en base ás propostas e decisións directas feitas pola cidadanía a través do programa de Orzamentos Participativos de 2016. Trátase dun parque biosaudable que se ubica na Praza de Pablo Iglesias, no barrio do Castrillón. Foi precisamente a propia asociación veciñal do barrio a que fixo esta proposta dentro do proceso de Orzamentos Participativos iniciado o pasado ano, que recibiu o apoio necesario da cidadanía para poder ser levada a cabo. “Esta inauguración demostra a utilidade deste proceso no que, durante o ano pasado, a veciñanza puido escoller en que gastar un millón de euros”, dixo o rexedor, que destacou que a cantidade reservada no presuposto deste ano para este proceso é de tres millóns de euros.

A concelleira Delso destacou que este ano “coincidirá ao mesmo tempo que mentres se van executando as 21 propostas que foron escollidas o ano pasado pola cidadanía, a veciñanza poderá elixir as actuacións que se levarán a cabo o vindeiro exercicio”. “Hoxe é unha xornada moi importante para nós. Hai dous anos non existía unha Concellería de Participación. Non obstante, na actualidade estamos levando a cabo, por segundo ano consecutivo, un programa de orzamentos participativos cun investimento que triplica o do ano pasado. Dos tres millóns de euros consignados para 2017, un millón está destinado a propostas de cidade, mentres que os restantes dous millóns de euros serán distribuídos de forma equitativa entre os 10 distritos da cidade”, dixo. “Cada distrito poderá escoller a través deste proceso en que investir 200.000 euros”, destacou a concelleira, que engadiu que “a día de hoxe contamos xa con máis de 150 propostas de moi distinta índole”.