• Segue conectado
  • |

Ordenando miña alacena (V).

Definitivamente vou ter que cambiar a miña alacena por un armario máis grande porque son tantas as cereixas que me caen nos últimos tempos no meu cesto que non dou feito. Tiro dunha e veñen todas detrás, como se estiveran xunguidas por algún pegamento especial.

Creo que todos estamos de acordo na “revolución” social que se produciu logo do 15-M (2011). Estábamos tan tranquilos, é un dicir, e de pronto os cidadáns dixemos que o bipartidismo político tiña rematado; que a partires dese momento xa nada ía ser igual. Comprobamos como cando unha sociedade se cabrea algo pasa, señor conde. Lémbranse?

Saíron a superficie movementos, organizacións que xa existían pero sen que tiveran unha visibilidade seria, importante, numerosa, definitiva. Por todo o Estado estendeuse o virus do cabreo: xa non nos representan!! Berraban centos de miles de voces convencidas de que os tempos eran chegados, como di o noso himno. Había dous equipos de primeira división xogando cada catro anos coas nosas esperanzas, ilusións, inquedanzas. Agora a cousa era distinta. Novos equipos organizados saltaron ao terreo de xogo e dixeron: aquí estamos nós para xogar na mesma mesa de xogo!! E vaia se o fixeron.

Polo esquerda as forzas estaban máis unidas. Pola dereita tamén pretendían unha fenda que lles permitira abrirse paso . Nacían PODEMOS e CUIDADÁNS. Obviamente con pretensións contrapostas. No primeiro caso tentando informarnos de que había outra esquerda non representada no arco parlamentario; pola dereita novos cachorros tentando meter o fociño nese mundo de intereses e contubernios xudeo-masónicos, que diría o ínclito Ditador que Deus confunda se aínda non o fixo.

Aínda existen pequenos equipos de categorías rexionais, comarcais que tentan arrimarse a uns e outros para non pasar frío.

Pero deixémonos de preámbulos e comecemos a tirar polas cereixas. Se collemos ao PP que reinaba, é unha maneira de falar, sen decatarse que na mesa de xogo había outros trileiros. Por unha banda para poñer sobre o tapete as necesidades múltiples e variadas que os cidadáns estaban sufrindo sen que se lles fixera caso ningún. Problemas como a falta de emprego, a vivenda, a sanidade, o ensino, etc., eran asuntos de suma importancia que o goberno popular solucionaba viaxando a Bruxelas e volvendo cunha solución: había que apertarse o cinto (os que o tiveran, claro).

Hoxe podemos contar con máis oferta política pero tamén con máis leas por metro cadrado. A esquerda non se pon de acordo para designar ao “macho alfa”; a dereita , segura de si mesma, non daba nin auga ao seu “socio ideolóxico” que se viña abrindo paso. Agora novos cachorros comandan a canceira. Algún xa con certa experiencia: todos pendentes das enquisas por ver quen está mellor situado fronte a unha posibles eleccións. Aínda que todos (agás o partido do Goberno) pían polas eleccións anticipadas, a ningún lle gustaría pasar polas urnas nestes momentos. É unha maneira de presionar ao equipo de goberno e mostrar músculo diante dos seus votantes.

Pablo Casado, sustituto de Rajoy, saltou a praza cunha forza inusitada. Disposto a facer tabula rasa a obra de Rajoy. Sobre o aborto quere volver á lei de 1985 xa descualificada en tempos de Ruiz Gallardón; no acepta a Memoria Histórica ; debe pensar que Franco non mandou fusilar a milleiros de españoles/as despois de rematada a Guerra Civil, senón que ordenou enterramentos colectivos pero simbólicos; aos partidos nacionalistas quéreos lonxe do Parlamento do Estado, aínda que o seu mentor, Aznar, falaba o catalán na intimidade; aos presos quéreos lonxe das súas familias; a relixión quérea como materia avaliable, etc. Un programa que dende PODEMOS sitúano entre José Antonio , Calvo Sotelo e Aznar. Todo unha xoia para a Coroa que, desoíndo a Tradición, xogan a ver quen a ten máis longa e a rapaza non queda preñada.

O cachorro do PP saíu á praza cunha forza impensable. Non parece ser “fillo político” de Rajoy, iso que fora o seu Secretario tempos atrás. Sae á rúa gritando que vai falarlle claro aos cidadáns e minte máis que fala. Segundo pregoa España seria inundada por millóns de africanos coa política migratoria do actual goberno. En realidade ata estes momentos soamente entraron arredor de 25.000 inmigrantes. Se quedaran todos aquí “tocaríanos” a un por cada 2.000. Unha cidade de arredor dos 30.000 habitantes sería “invadida” por 15 inmigrantes. Unha traxedia da que este rapaz que quere pillar cacho, trata de liberarnos.

Por certo, veñen de aparecer os famosos documentos sobre supostos exames que Pablo Casado afirmou existían do seu máster, no que aprobara en catro meses 12 das 25 asignaturas da carreira de dereito. O director do Centro Alberto Pérez de Vargas fala de que puido haber certas indicacións” pero que non influíron nas notas conseguidas por Casado. Como serian esas indicacións!!

Dias atrás a Universidade comunicara ao Xulgado que leva o asunto que non atopaba nada; de pronto aparece unha caixa que ninguén sabe como e que din contén os devanditos papeis. Está claro que non termos arranxo. Vivimos nun pais de tortilla e pandeireta. Uns pelexando coma condenados por sacar adiante unha carreira durante anos e anos, outros aprobándoa dunha atacada. Hai quen dea máis?

Rivera de Ciudadanos, que soñara con substituír a Rajoy cortándollela herba debaixo dos pés aos populares, pasa por momentos delicados e indecisos. Chegou para rexenerar a vida política española, ou iso comentaba e atopouse que no seu cabaceiro tamén tiña grans podres. O Tesoureiro do partido está metido en xuízos por falcatruadas. Segundo destapou Infolibre sobre as contas do partido amarelo. Ocultou que foi xulgado en Sao Paulo (Brasil) por un impago de 74.000 euros e que era propietario dunha empresa, co 99% das accións; empresa, denominada Damei Europe, que aportou 791.000 euros ao partido. A pregunta é : que sabe este Tesoureiro para que Rivera non o teña cesado ipso facto? O PP vai chamar a Rivera para que declare na comisión do Senado. Dous cans que se disputan o mesmo oso. Coñecen esa imaxe?

A deputada do BNG Ana Miranda nun Twitter deséxalle a Pablo Casado “moitas violacións, ir en pateira no bravo mar, estar en prisión na que lle dean malleiras, ou sexa violado, que sufra torturas, andar descalzo horas e horas cos pés sangrando,; o que lles pasan a milleiros de persoas que foxen da miseria e da guerra. A deputada di “Non a este lepenismo marca Spain”.

Diante das declaracións de Pablo casado nas que pretende “botar aos partidos nacionalistas do Congreso dos Deputados”, o Presidente do EBB do PNV, acusou ao dirixente popular de apuntarse ao pucheirazo do líder de Cidadáns, Albert Rivera, para retorcer a Lei electoral e facer un Congreso dos Deputados á súa medida. “queren botarnos de Madrid, logo que pintamos os vascos no Estado Español”, afirma o Presidente vasco.

Resumindo. Como ven as cereixas veñen enlazadas unha coas outras e poderiamos estar horas e horas sen que deramos o cesto por baleiro. Por hoxe imos deixar a cousa así. Remedando aos históricos humoristas Tip e Col, dicímoslle “para a próxima falaremos do Goberno”. Sexan felices se poden.


Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»
Publicado o 4 Xul 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies