O Xulgado autoriza o pago a provedores bloqueado polos grupos da oposición de Salceda

Salceda de Caselas |  O Xulgado Contencioso Administrativo Nº3 de Pontevedra ven de homologar o acordo transaccional acadado entre o Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Provedores, que vai permitir o pagamento dos 309.554,89 € bloqueado ata o de agora polos grupos da oposición de Salceda (PP e PSOE).

A Asociación de Provedores/as do Concello de Salceda de Caselas, logo da negativa de PP e PSOE para aprobar as súas facturas ata en dúas ocasións, tivo que presentar un recurso contencioso administrativo reclamando o cobro das súas débedas o pasado 10 de abril. O 15 de maio chegábase a un acordo transaccional entre o Concello e a Asociación de Provedores, para que o pagamento do adebedado puidese facerse canto antes, presentando dito acordo ante o Xulgado o 16 de maio. Tan só uns días despois, o 21 de maio, a xuíza encargada do caso emitiu a homologación do acordo transaccional, autorizando ao Concello para realizar o pago das facturas pendentes. Ponse así fin a un longo camiño de bloqueos por parte dos grupos da oposición (PP e PSOE), que viñan impedindo cos seus votos que os provedores e provedoras puidesen cobrar polos traballos xa realizados, tal como acontecera xa no ano 2016. O acordo entre as partes vai supoñer o aforro dos xuros de demora e as custas xudiciais.

Dende o Equipo de Goberno de Salceda (Movemento Salceda) lamentan que a cuestión tivese que rematar por vía xudicial unha vez máis “polo afán de bloqueo da acción de Goberno por parte de PP e PSOE” Así mesmo, agradeceron a confianza dos provedores e provedoras “a pesar da actitude irresponsable do PP e o PSOE” . O Alcalde, Marcos Besada, manifestou que “PP e PSOE queren gobernar o Concello dende a oposición e basean a súa laboura de oposición na acción de bloqueo ao Goberno. O que fixeron cos provedores e provedoras do Concello por segunda vez foi verdadeiramente surrealista, impedíndolles cobrar polos traballos realizados, e empregándoos como chantaxe ante o Equipo de Goberno. A Xustiza, unha vez máis, avalou a reclamación dos preovedores e provedoras, como non podía ser doutro xeito”.