• Segue conectado
  • |

O silencio dos progres españois.

Os progres españois sempre andiveron pola vida ocupados e preocupados (con toda xustiza) pola liberdade dos pobos de Palestina, Sahara e Chiapas, mais, por desgraza, nada ocupados nin preocupados pola subordinación das linguas, culturas e nacións catalás, vascas e galegas a un Estado español construído por determinadas elites extractivas, refractarias á libre concorrencia e ao progreso. Un Estado español tendente historicamente ao supremacismo e ao autoritarismo e que só coñeceu periodos liberais e democráticos cando tentou darlle algunha caste de canle ao dereito de autogoberno das nacionalidades.

Os progres españois sempre andiveron pola vida moi preocupados polos dereitos do guaraní ou do swahili e nada preocupados pola minorización en cadanseus países das linguas propias de Euskadi, Galicia, Catalunya, Pais Valencià e as Illes.

Vivimos nos últimos seis meses a derrogación do dereito constitucional ao autogoberno das nacionalidades pola aplicación dunha interpretación inconstitucional do 155. A derrogación parcial do Código Penal e das Lei de Axuizamento Criminal e Orgánica do Poder Xudicial para crear o delicto de rebelión sen violencia, para inventar a competencia do Tribunal Supremo no canto do Superior de Catalunya nas causas que atinxen ao President, aos deputados e aos consellers, para inventar a competencia da Audiencia Nacional nas causas de sedición, para subordinar a autonomía do Parlament a decisións do Tribunal Constitucional que vulneraban a súa propia xurisprudencia. A aplicación da prisión preventiva como mecanismo antixurídico de creación de reféns: os actuais presos políticos e os antigos presos hoxe suxeitos á fianza e á espada de Damocles da volta ao cárcere se teiman nos seus principios.

Fronte esta enxurrada de arbitrariedade e autoritarismo os progres españois ficaron calados. No resto da Europa, en Euskadi, Nafarroa, as Illes, o País Valencià ou Galicia a reacción non foi valente nin axeitada en xeral, mais existiron moitas voces individuais e mesmo manifestacións sociais do rexeitamento de amplos sectores a esta onda incivilizada e represiva. Mais no resto do estado, agás moi poucas excepcións, todo foi, todo é, silencio.

Os progres españois asisten silentes á recentralización autoritaria do Estado español e semellan non se decatar que este proceso vai desnaturalizar de vez o que até de agora cualificabamos como democracia.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 18 Mar 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies