“O reintegracionismo deixou de facer propostas en negativo hai tempo”

Eduardo S. Maragoto | Presidente da AGAL

reintegracionismo

 

Moncho Mariño | A Associaçom Galega da Língua (AGAL) é a plataforma na que moitas das persoas que seguen o ideal de Ricardo Carvalho Calero, o obxectivo é a reincomporación do galego ao que consideran o seu ámbito natural, o da lusofonía. Por moito tempo, a postura da AGAL foi unha clara confrontación contra as normas lingüísticas establecidas desde as institucións galegas. A día de hoxe, esta postura parece que mudou e o enfrontamento parece dar paso a unha nova política de diálogo e achegamento. Sobre isto falamos co actual presidente da AGAL, Eduardo Sánchez Maragoto.

-Cal é a día de hoxe a valoración que fai AGAL sobre o Día das Letras Galegas e todo o simbolismo que o rodea?

Podo realizar unha valoración eu. É unha data que de non existir, moitos autores galegos non serían coñecidos. Se pensamos nos autores homenaxeados nos últimos vinte anos, unha grandísima parte deles puidémolos coñecer grazas a este Día das Letras. Non obstante, sería interesante que a Real Academia Galega tivese uns criterios máis amplos para a elección dos homenaxeados. Porque aínda quedan persoas por descubrir como Carvalho Calero, Guerra Dacal, ou persoeiros portugueses que fixeron achegas á cultura galega como Rodrigues Lapa. Máis tamén consideramos que as persoas que foron nomeadas nos últimos anos teñen un grande peso. O propio Carlos Casares, homenaxeado este ano, se fose estudado en toda a súa amplitude, daría para varios traballos. Pouco antes do seu pasamento no 2002, morreu moi novo lamentablemente, fixo unha proposta moi clara dirixida ao Consello da Cultura Galega, que el presidía nese momento. Que o galego debera adoptar o “lh” e o “nh”, e as letras “j” e “g” en vez de unicamente o “x”. Foi unha proposta que fixo publica dúas veces. Pero non tivo tempo de plasmar nas institución que el presidía como nas que tiña influencia, como a Real Academia Galega. Con isto quero dicir que as persoas nomeadas para o 17 de Maio son tamén interesantes para nós os reintegracionistas.

-Non ves como se esta data fose virando cara unha especie de liturxia, de compromiso institucionalizado.

Non deixaría de ser correcta esa perspectiva. Mais eu non a correxiría no sentido de eliminala, porque me parece aprobeitable no sentido de dar a coñecer persoas con autoría en galego. Ao mellor si a correxiría no sentido de propor outras datas ou ampliar os nomes de autoras e autores lusófonos que tivesen unha achega máis significada coa cultura deste país.

-O estado da lingua: extinción acelerada, estado dramático ou situación conxelada?

Penso que hai algo das tres. Pero situando a pregunta ben dentro do contexto internacional que temos. Porque tendemos a considerar a situación do galego véndoo só en Galiza. Debemos analizar a situación do galego no contexto de todas as linguas minorizadas que tamén están na nosa situación. Cal é esa situación? Que esas linguas minorizadas, como a nosa, non teñen estado. O galego non ten estado. Paréceme difícil identificar unha lingua que non posúa estado e que recupere falantes. Pode acontecer, pero habería que facer un esforzo tan grande económico e social para que esas linguas recuperen falantes, que praticamente non existirán situacións así. Por tanto, o galego está pasando por unha situación difícil o mesmo que todas as linguas minorizadas que non teñen un estado. Que acontece? Pois que no caso do galego hai que restarlle dramatismo a esa situación. Porque si podería contar coa forza que lle imprimien ás linguas os seus estados, se se lle aplicasen políticas de converxencia co mundo lusófono. Desa maneira o galego si podería contar coa forza que non teñen as linguas minorizadas. E sen prometer o paraíso para o galego, poderíase reverter dalgunha maneira a situación, ou poñer as bases para unhas políticas correctas de normalización lingüística.

-O decreto sobre educación en galego, inglés e español, é unha quimera ou é factible?

A ver, se consideramos planificar unha política lingüística seria a longo prazo, é evidente que tanto o inglés como o español teñen que ser considerados. Non se poder realizar unha política lingüística seria sen pensar que os galegos de aquí a vinte ou trinta anos deben coñecer ben estas dúas linguas. Iso non debe impedir de ningunha maneira que o galego como a nosa lingua, sexa coñecida ao mesmo nivel de competencia. Nese sentido as políticas que se teñen feito, e mesmo as políticas propostas polo movemento normalizador penso que están un pouco desencamiñadas ou erradas nese sentido. Noutras partes do estado fixéronse políticas lingüísticas máis acaídas para os seus idiomas, e que non se tiveron en conta. Nós pensamos que para a normalización do galego a través do ensino é fundamental, pero non profundaron nel desde o movemento normalizador. Pero desde a nosa perspectiva, debera considerarse un ensino que teña o galego como lingua ambiental. Quero dicir, que debe ser a lingua ambiental de todos os centros de ensino, de toda a comunidade educativa, do alumnado, dos pais e do equipo directivo. Os pais deben poder educar os seus fillos e fillas en galego en centros de ensino nos que o galego sexa realmente a lingua ambiental. E isto non se resolve con porcentaxes, con 33% para galego, outro tanto para castelán e o mesmo para o inglés. Non tería que ser contraditorio con iso, o galego de tería que ser só a lingua na que se imparte a materia, senón que tamén debera ser a lingua do patio. A partir de aí, cal sexa a lingua das diferentes cadeiras non nos parece irrelevante nin o máis importante.

-Seguindo cos planos de normalización, a denominada “Lei Paz Andrade” sería aplicable neste momento, achegamento á lusofonía?

Os planos de normalización lingüística en xeral, e tamén no ensino, un dos principais defectos que teñen é que foron aplicados antes da Lei Paz Andrade. Esta lei modificou todos os planos de normalización. Desde o nos punto de vista, un dos principais obxectivos para a normalización da nosa lingua e cultura, nun espazo de tempo de dez a vinte anos, é que gañen un coñecemento profundo do portugués. Pero xa che digo que eses planos foron creados antes desa lei, que ten como obxectivo que o portugués sexa mesmo oído polos galegos nos medios de comunicación, que Galiza sexa representada en organismos internacionais a través de organismos lusófonos. Dito isto, calquera plano de normalización no ensino ou fóra, debe considerar o portugués para que non sexa estraixeirizado ou alleo.

-Como é a actitude cara o reintegracionismo no momento actual? Cambiaron actitudes?

Penso que a actitude si que mudou moito dentro dos movementos normalizadores e dentro da sociedade. Isto non quere dicir que sexa un movemento maioritario. É un movemento minoritario mesmo dentro do movemento normalizador. Tamén hai sectores que non ven nada claro a finalidade do reintegracionismo, quizais por ignorancia. Pero si é certo que aumentou a comprensión a respeito de hai dúas décadas. Non quere dicir que a sociedade estea aceptando propostas desde o reintegracionismo, mais si é máis doado publicar as nosas ideas, o noso discurso á maior parte da poboación.

-Desde a túa perspectiva, non só como profesor de portugués, tamén como cidadán que coñece a lusofonía, cal é a percepción nese ámbito da Galiza?

En xeral hai bastante ignorancia sobre o que é Galiza e o galego, sobre eses dous conceitos. É unha percepción que levamos con nós desde hai séculos, mesmo no propio sistema de ensino. Eu si que vexo nas novas xeracións que a cousa está mudando. Véxoo no interese que esperta Galiza na xente nova, quer en Portugal que en Brasil. Isto veuse favorecido polas redes sociais que permitiron o salto xeracional neste aspecto. Hai moita información á que agora teñen acceso e que non figuraba no sistema de ensino. Penso que aumenta o interese en preguntarse que é o galego e que representa para nós.

-Cal é o futuro que lle ves ao movemento reintegracionista?

Eu futuro véxollo todo. Penso que o movemento normalizador ten moito futuro. As cousas van ir por aí, porque en todas as áreas hai unha facilitación de comunicación con outras áreas da sociedade e con outras sociedades. O reitegracionismo favorece a acomodación a esas tendencias por parte da lingua. A lingua deixará de ser algo entendido como local, estará preparada para ser unha lingua de comunicación internacional para o contacto con outras culturas. Isto favoréceo máis o reintegracionismo que outras perspectivas antirreintegracionistas.

-Hai receptividade por parte das diferentes academias?

Pensamos que si, que cada vez haberá máis receptividade. Desde hai anos, os contactos son máis frecuentes. Hai receptividade das nosas propostas, que son sempre moi concretas e positivas. O reintegracionismo deixou de facer propostas en negativo ou de enmendas á totalidade a outras propostas, xa desde hai bastante tempo.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.