O PSOE de Ponteareas pide a dimisión do concelleiro do PP, Mingos Freitas, por simpatizar coas ideas do grupo neonazi “Hogar Social”

O concelleiro do Partido Popular compartiu nas súas redes sociais un vídeo do grupo neonazi “Hogar Social” e varias imaxes de contido xenófobo

Ponteareas/PSOE | A Secretaria Xeral do Partido Socialista de Ponteareas, Chus Garrote, esixe a dimisión inmediata do concelleiro do Partido Popular, Domingos Freitas, por compartir nas súas redes sociais contidos xenófobos e de odio.

O Partido Socialista considera que esas accións son impropias dun representante político e da democracia. “Non toleramos que un representante dos ponteareáns simpatice con ideas fascistas e por iso pedimos a súa dimisión inmediata” sinala Chus Garrote.

A edil socialista, ademais, di non entender como o Partido Popular e a súa voceira, Belén Villar, non levan tomado medidas ante unhas accións reprobables por calquera partido que se considere democrático.

A líder socialista, Chus Garrote, refírese a un vídeo que o concelleiro do PP compartía no seu perfil persoal de facebook do coñecido grupo neonazi, Hogar Social, e da súa lider, Melissa Domínguez, que xa foi detida en numerosas ocasicións por incitación ao odio.

Por outro lado, os socialistas declaran que non se trata dun caso illado xa que nas últimas semanas, sinalan, o concelleiro do PP tamén compartía “bulos” con contido xenófobo tralo rescate dos máis de 600 refuxiados do barco Aquarius.

Desde o Partido Socialista, engaden, levan invitado ao concelleiro Mingos Freitas a cesar desa actitude e convídano por saúde democrática, a retractarse nesas mesmas redes sociais do seu comportamento.