• Segue conectado
  • |

O PP levará a pleno a solicitude para dotar de céspede artificial o campo de San Mateo

Ponteareas/PP | Dende o ano 1998 a parroquia de San Mateo de Oliveira conta en propiedade cunha inmellorable parcela no barrio de O Cruceiro, onde se sitúa o Centro Cultural da parroquia e o campo de fútbol do Sporting Club San Mateo; mercada grazas ao importante esforzo económico feito pola Comunidade de Montes, Asociación de Veciños e as achegas económicas dos propios veciños de San Mateo que sufragaron o convenio co bispado de Tui-Vigo.

No ano 2005, a petición dos colectivos da parroquia de San Mateo, o goberno do Partido Popular, dentro da súa planificación da Rede Municipal de Casas Culturais, decidiu pór en marcha a construción dun novo centro socio-cultural nesta parcela, hoxe xa rematado e utilizado por toda a parroquia.

 

Posteriormente, e a petición da propia Xunta Directiva do Sporting Club San Mateo, o goberno municipal de González Solla, contratou as obras de reforma de vestiarios, peche perimetral e do campo e mellora dos accesos a este complexo lúdico-deportivo.

Cabe recordar que o Sporting Club San Mateo é o único equipo de fútbol 11 feminino ponteareán, é equipo decano do fútbol feminino galego, que vén levando o nome de Ponteareas por todo Galicia, ininterrompidamente durante os seu 26 anos de historia. Este club desenrola un papel importante no mundo do deporte e da sociedade en xeral, apostando pola igualdade de xénero nun contexto de discriminación como é a práctica do fútbol, que ten un carácter marcadamente sexista. Deste xeito, este club abre un espazo esencial ás mulleres para que poidan practicar este deporte tan estendido hoxe en dia.

Dende o Partido Popular asumimos o enorme esforzo levado a cabo pola directiva des Club na procura de mellorar estas infraestruturas, xa que este é o único club de toda a liga feminina que disputa os seus encontros coma equipo local nun campo de terra, este feito motiva que tempada tras tempada, moitas das xogadoras teñen a oportunidade de ingresar noutros equipos que contan con mellores infraestruturas deportivas.

Por todo isto, o Grupo Municipal do PP, tendo en conta a petición realizada no seu día polo Club Sporting San Mateo, tanto ao Concello como a propia Deputación Provincial, para dotar de herba sintética a este campo de fútbol, e sendo coñecedores da promesa feita polo anterior goberno da Deputación e do goberno de González Solla de facer o cuarto campo de herba sintética en Ponteareas na parroquia de San Mateo, complementando así un importante complexo lúdico-deportivo, e tendo ademais en conta que, nos últimos meses, a Deputación vén de anunciar a adxudicación de diversos campos de fútbol de herba sintética como o do Oural en Fornelos (Salvaterra de Miño) por importe de 350.600 euros, o do Casal en Salcedo (Pontevedra) por importe de 1.000.000 de euros, o de Gandareira en Bandeira (Silleda) por importe de 438.778 euros, etc…, é polo que solicitamos que o Pleno da Corporación Municipal acorde instar á Deputación de Pontevedra para que se poida conseguir a execución desta obra no menor prazo de tempo posible.

Publicado o 20 Feb 2017 en Ponteareas.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies