• Segue conectado
  • |

O Poder e a erótica do Poder.

Editorial

Chegou ás miñas mans (ben, non chegou, merqueino) un libro titulado “Las leyes del castillo. Notas sobre el Poder”, de Carles Casajuana, diplomático de profesión e autor de varios libros máis, sobre o que lles quería comentar. Ao mesmo tempo cruzóuseme no camiño outra lectura de autores variados, sobre a erótica do Poder.

O Poder e a erótica sempre foron da man. Coñecemos moitos casos en que a erótica, as debilidades humanas, o atractivo que pode resultar a vida sexual, determinaron vidas e facendas, tomaron e abandonaron reinos, enfrontándose a todo o mundo ata chegar a renuncias que de non ser pola erótica non terían lugar.

O poder eleva, dinos Casajuana, enaltece, exércese  a unha altura considerable do chan; por iso os que o desempeñan, así como os que o rodean, non deixan de sentir algunha forma  de vertixe. En política, como é ben sabido, éntrase pola porta e sáese pola  ventá. A política non é un xogo de azar. É unha arte que esixe unha combinación de cualidades.

Fálase da erótica do Poder nunha dobre vertente. Por un lado, a excitación que provoca en quen o exerce, o que o leva a acaparar máis e máis poder;  a exercelo cada vez de maneira máis evidente e notoria, buscando un clímax que ao parecer nunca chega. Pola outra banda, a atracción e mesmo a fascinación que exercen os poderosos sobre o rabaño, ata o punto de que alguén absolutamente anodino poida converterse, grazas ao poder que ostenta, en declarado obxecto de desexo.

Para quen nunca o tivo debe ser insufrible posuír moito  diñeiro e que os demáis non se enteren. En efecto, é o  afán de ostentación o que delata ao novo rico. Igual que co diñeiro ocorre con calquera outra forma de Poder. Por exemplo, co poder político, particularmente cando se alcanza de boas a primeiras, sen experiencia previa algunha, ou mediante intrigas de partido e non grazas á maior preparación e á mellor capacidade de liderazgo, de maneira que a xerarquía política e administrativa non se corresponden coa xerarquía natural. En todos estes casos , que por desgraza son moi frecuentes, a autoridade  dexenera en autoritarismo, de maneira que sempre temos ao político responsable na cabeza e nos medios de comunicación, porque o feito de mandar e contar coa forza represiva necesaria para facerse obedecer debe ter a súa erótica. Como pasear a cabalo polas túas herdanzas ríndote dos  traballadores que dependen dun miserable soldo que lles pagas. Así ata que un día se farten e polas boas ou polas malas te fagan caer do cabalo.

Con frecuencia atribuimos a astucia o que é froito do azar e á mala fe o que resulta da ignorancia e do erro. Montaigne escribiu: “A maior parte das cousas ocorren  por sí mesmas”. Con frecuencia o éxito dunha acción non depende tanto da sabedoría ou tino de quen a realiza como da fortuna, do azar.A metodoloxía politica é tan cambiante como a atmosférica, e igual de imprevisible. Os politicos sábeno e acostuman aceptalo, a vivir ao día, sen fiarse demasiado dos plans a medio e, aínda menos, a longo prazo.
A atención da opinión pública pasa dun asunto a outro sen profundizar, sen deterse en pormenores, estimulada por uns medios de comunicación que, en constante loita por aumentar os índices de audiencia, converten a información nunha forma de  entretemento. A un tren séguelle outro tren, e despois outro. Os acontecementos sucédense como saltos de pantalla. Unha imaxe borra a anterior. Un mal telediario e un bo telediario poden sumar dous bos telediarios, porque o que acaba na retina dos telespectadores e a dobre imaxe dun político de turno superposta, o bo sabor de boca da última noticia. Nada é como é senón  como se percibe, e a percepción depende do estado de ánimo do perceptor.

Un bo politico é o que ten un proxecto, uns obxectivos ben definidos, pero sabe adaptarse ás circunstancias coma un bo surfista. A politica é a arte da continxencia, da oportunidade e o terreo en que se exerce é case sempre o do curto prazo.

Pero nas entrañas de todo isto, de como exercer o poder e de como impoñerse aos seus  subalternos, en montóns  de casos,  preséntase o verdadeiro erotismo. Aquel que nos leva, leva aos politicos quero dicir, a deixar todo manga por ombro e seguir ese cheiro embriagador que pode ser un perfume de muller. A historia está chea de casos así. De como a verdadeira erótica, o sexo, foi determinante na marcha  da Humanidade. Juan Ruiz, arcipreste de Hita, deixou dito: “ Como dixo Aristóteles, cousa é verdadeira// , que o home por dúas cousas traballa, a primeira // por haber mantenencia, a outra cousa era // por haber xuntamento con femia pracenteira”.

Dende a remota prehistoria, o sexo ten prestixiado ao poder. O principal privilexio do macho alfa dominante na manada primitiva consistía en fecundar a cantas femias puidera. Elas sometíanse obedientes, non so á autoridade senón ao instinto que sempre busca mellorar a especie cos xens do que se decanta como exemplar superior da manada. Esta tendencia perdurou en época histórica: os faraóns tiñan ducias de donas, moitas delas como garantía de acordos internacionais. Salomón, o rei de Israel,  soportou por razóns do cargo a enorme tarefa de “contentar”  a setecentas donas lexítimas e trescentas barraganas. E ainda así, quedoulle fol para satisfacer á exótica e despampanante raíña de Saba, deixando moi alto o pavillón de Israel. Salomón, o sabio por excelencia, desviouse do seu proxecto político-relixioso por amor ás súas mulleres pagás, ou por braguetazos, quen sabe. Isto vén a confirmar que o sexo condiciona os gobernantes, sendo un ingrediente fundamental no devenir da Historia.

Son centos de casos coñecidos nos que o político  de quenda  abandona o Poder unha vez que ului unhas bragas debidamente perfumadas ou foi agasallado por unhas caricias, non sempre sinceiras, de moitas damas,  e outras que non o eran  tanto,  que con ese especial instinto femenino foron quen de torcer a súa vontade ata preferir o disfrute dun apaixonante amor sexual ao Poder político. Casos hai que se conxugan as dúas cousas, pero son os menos, ou polo menos os que menos coñecemos.

En próximas entregas falaremos do Poder político a secas e do Poder erótico-político. En ámbolos dous casos entran en xogo o Poder de mando e ordeno e o atractivo sexual que non é menos dominante.

Páseno ben e disfruten, se poden, do Poder e do sexo. Non deberan ser incompatibles.


Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»
Publicado o 24 Xul 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies