O Penedo Redondo mellora as súas instalacións para a vindeira tempada

Salceda | O Concello de Salceda iniciará nestes días as obras da primeira fase do proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais de Penedo Redondo, ubicadas na parroquia de Parderrubias. Nesta primeira fase contémplase a construción dunha sala de usos múltiples á que se accederá dende a fachada sur do edificio actual, na que se contará con un vestiario. Ademais crearase unha cantina con acceso dende o lateral do propio campo, xerando así percorridos diferenciados para espectadores/as e xogadores/as. Esta cantina contará ademais cun almacén e dous aseos accesibles. Por último, prevese a construción dunha pérgola metálica con cobertura de brezo para crear unha zona de sombra. O proxecto, cun orzamento de 87.688,13 €, executarase con cargo ao Plan Concellos 2018/2019.

O campo de fútbol do Penedo Redondo, construído no ano 2010 nos terreos da comunidade de montes de Parderrubias con un acordo de cesión de dereito de superficie ao Concello de Salceda de Caselas, conta na actualidade con máis de 250 usuarios/as habituais, pois acolle aos máis de 250 nenos e nenas das Escolas de Fútbol Denis Suárez, a Sociedade Deportiva de Parderrubias (equipos A e B), o equipo de fútbol 8 femenino das Escolas Deportivas de Salceda e o equipo de Veteranos do Caselas, así como os adestramentos do propio Caselas F. C.

As dinámicas actuais e os esforzos en ofrecerlles aos nenos e nenas as mellores instalacións, fan precisas importantes obras de reforma no campo, que con esta primeira fase se verán en parte solucionadas, a espera de seguir acometendo melloras en vindeiros anos, segundo as posibilidades do Concello.

Rubén González, Concelleiro de deportes, Verónica Tourón, Tenenta de Alcalde e Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, visitaron as instalacións xunto cos encargados da empresa adxudicataria para coñecer de primeira man os últimos preparativos de cara ao comezo da obra, que terá lugar nos vindeiros días.

Rubén González, Concelleiro de Deportes: “Dende a área de deportes seguiremos a mellorar as instalacións existentes e a poñer en marcha novos espazos na medida do posible para dar cabida a que a veciñanza que queira practicar deportes o poida facer no noso municipio”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Dende o Goberno Municipal somos conscientes do potencial que supón que se instauren no noso municipio proxectos da envergadura das Escolas de Fútbol Denis Suárez, polo que centraremos os nosos esforzos en garantir que este tipo de proxectos conten coas mellores condicións para o seu funcionamento”.