O matiz de “Cantigas e Agarimos”.

Como é ben sabido, a execución dunha partitura pode ter matices moi persoais, segundo quen a interprete ou dirixa a agrupación musical. Para os ouvidos de entendidos e melómanos a percepción desas orixinais singularidades interpretativas non pasan desapercibidas.

É moi ilustradora ao respecto a anécdota contada por Iglesias Vilarelle, aquel afamado director do Orfeón de Pontevedra no que cantaran Castelao e Bóveda. Celebrábase un certame de orfeóns e ao director parecéulle do caso dar antes un derradeiro repaso á obra de concurso. Formaron os orfeonistas o círculo máxico, e no seu centro, o director dándolle as costas á porta de entrada. Aos poucos compases un cantor cala, logo outro, e outro… Continúa a execución, cada vez máis desastrosa da obra, ata deixarse de escoitar a melodía. O director, que non daba creto, estaba desesperado. Pero que…pasa?, preguntóulles. Todos calan, achégaselle un barítono e déitalle na orella: é que están aí os de Lugo, e veñen roubarnos o matiz.

“Cantigas e Agarimos” tamén tiña o seu matiz musical, que os diferenciaba dos demais, tanto para o coro como para o grupo de gaitas do que foron figuras senlleiras Basilio Carril e Xoán Bello Mallou, que dominaban o punteiro con peculiar mestria. Do seu bo facer quedou unha discografía marabillosa que se acrecenta agora coa edición dun novo disco —Corazón aberto— que paga a pena escoitar. Pero a mais disto cómpre suliñar que “Cantigas e Agarimos” ten unha formidable colección de traxes tradicionais dos usados en distintas comarcas do país. Engádaselle a ese patrimonio o arquivo de partituras que é un fermoso tesouro musical do cancioneiro popular galego no que tanto empeño puxeran na súa recuperación Marcial del Adalid, Casto Sampredo ou Jesús Bal y Gay.

Foron moito o directores que tivo nestes últimos noventa e sete anos, desde que o fundaran en 1921 as Irmandades da Fala; moi reputados todos, por certo. Actualmente diríxeo coa sensebilidade que o caracteriza Xaquín Xesteira Losada, un excelso coñecedor da nosa música tradicional e compositor de obras de rotunda ortodoxia. A súa chegada á dirección de “Cantigas e Agarimos” supuxo un revulsivo de inmellorable calidade ateigada de matices propios que lle confiren á agrupación un sesgo orixinal moi do gusto dos amantes da nosa música popular. Velaí esa novidades de participaren en concertos conxuntos con bandas de música e o grupo “Treixadura”, dando lugar esta fusión a espectaculares interpretacións.

“Cantigas e Agarimos” e “Real Toxos e Flores” de Ferrol, tamén fundado polas Irmandades da Fala, son as agrupacións máis antigas de Galicias. Durante moitos anos pasaron por épocas de marxinación polas autoridades franquistas que destrozaron o noso acervo musical creando a Sección Femenina e Educación e Descanso, esperpénticas agrupacións alternativas que fixeron un uso noxento da nosa tradición musical. Cando chegou a perniciosa moda das orquestras cos seus repertorios estranxeirizantes e postas en escena chocalleiras, as comisións de festas botaron literalmente dos palques dos torreiros a gaiteiros e bandas de música. Malia ese andazo de autoodio, “Cantigas e Agarimos”, aguantou o embate.

Co gallo da celebración do 95º aniversario da súa creación, a Fundación Lois Peña Novo propúxolle á Comisión de Honras do Concello de Santiago, presidida polo concelleiro Manuel Dios Diz, a concesión da Medalla de Ouro, que recentemente o pleno da Corporación Municipal aprobou, facendo así xustiza cunha agrupación folclórica que durante a longa noite de pedra foi o acubillo en Compostela para cantos quixeron buscar as raíces da nosa tradición musical, e de moito máis; porque nos locais da rúa da Algalía cocéuse moito máis que música.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.