O Goberno de Santiago volverá render contas na segunda quenda dos “Encontros ao vivo”

O Goberno local vai retomar no mes de xuño os Encontros ao vivo, os actos deseñados para que o alcalde e os concelleiros e concelleiras rendan contas en contacto directo coa veciñanza. Ao longo dos próximos meses celebraranse nove xuntanzas polos distintos barrios da cidade.

Santiago de Compostela | Os Encontros ao vivo naceron co obxectivo de completar os procesos de participación cidadá impulsados desde o Concello. Nas xuntanzas participan o alcalde e todos os concelleiros e concelleiras do Goberno, que escoitan as demandas e opinións da veciñanza, dan conta do traballo que se ven desenvolvendo no ámbito xeográfico concreto, e explican os motivos polos que non se teña atendido algunha demanda. Os encontros están dirixidos por profesionais da mediación, que garanten que todos os asistentes teñan a oportunidade de falar, miden tempos e favorecen a diversidade das achegas.

Nos nove Ao vivo celebrados na primeira quenda dos encontros participaron preto de 900 veciños e veciñas.

Nove xuntanzas na zona urbana

O calendario dos Encontros ao vivo arrincará o 8 de xuño cunha xuntanza cos veciños e veciñas de San Pedro e da Almáciga no Centro Xove de Creación Cultural. Os actos comezarán ás 19:30 horas.

No mes de xullo, os Ao vivo chegarán a Salgueiriños, en concreto á Casa das Asociacións de Benestar Social. Á volta do verán está prevista a celebración de xuntanzas no Centro Cívico de Vista Alegre-Romaño, O Ensanche, Fontiñas, Cidade Vella, Pontepedriña, Vite e Sar. Para as parroquias, desta vez deseñouse un formato propio, o Rural ao vivo, que se desenvolverá paralelamente a partir dos meses de outono.