O goberno de Guinea-Bissau visita iniciativas de desenvolvemento local da man do Fondo Galego

Participará nas Xornadas ‘Os retos da cooperación municipalista na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible’ que se celebran o 31 de maio

Pontevedra | O ministro de Administración Territorial de Guinea-Bissau, Sola Naquilin, coñecerá do 29 de maio ao 1 de xuño diversas accións de desenvolvemento local e ordenamento do territorio convidado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A delegación africana, integrada tamén por responsables do Programa de Gobernación e Desenvolvemento Local impulsado pola ONU, comprobará o apoio que deputacións e concellos prestan a iniciativas empresariais, tecnolóxicas, urbanísticas e asociativas que buscan o progreso económico e social.

A comitiva iniciará o luns o percorrido por Galicia na Deputación de Pontevedra, onde lles dará a benvida a presidenta provincial, Carmela Silva, para trasladarse logo ao polígono industrial Barro-Meis e á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro de investigación sobre as enfermidades dos cultivos. Pola tarde, serán recibidos polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, que lles explicarán o premiado modelo urbanístico da cidade, logo de realizar un percorrido polo centro.

O martes arrincará cunha xuntanza coa Comisión Executiva do Fondo Galego, á que acudirán representantes dos concellos de Nigrán, Redondela, Pontevedra, Oleiros e da Deputación da Coruña. Está por confirmar asemade unha cita coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato. Con quen si se reunirán é coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e coa Asociación Galega de Profesionais do Desenvolvemento Local, un encontro ao que tamén acudirá o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo. A xornada pecharase coa visita ao Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.

Alén do ministro de Administración Territorial, integran a delegación guineana o director de Servizos de Licenciamento e Incentivos ao Investimento, Micailo Biai; o director xeral do Programa de Gobernación e Desenvolvemento Local de Guiné-Bissau, Mahalam Mane; a asesora técnica principal de dito programa promovido polo Plan de Desenvolvemento de Nacións Unidas (PNUD), Angela Abdula, e mais Iván Arizcurinaga, consultor da mesma iniciativa, que busca promover o bo goberno, a prestación de servizos básicos e o acceso das poboacións máis vulnerables a oportunidades económicas, con enfoque de xénero.

Arizcurinaga falará sobre os municipios como receptores da cooperación ao desenvolvemento nas Xornadas ‘Os retos da cooperación municipalista na consecución dos ODS’ que o Fondo Galego organiza o 31 de maio Santiago de Compostela. O seminario porá de relevo o papel clave que teñen as administracións locais para acadar os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, fixados polos estados membros da ONU co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas. O evento contará coa intervención doutras expertas e expertos chegados de Valencia ou do País Vasco, alén do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou do presidente da Fegamp, Alfredo García.

Tras asistir ás xornadas, a comitiva ministerial desprazarase a Lugo para coñecer a experiencia do viveiro de empresas CEI-Nodus, canda a alcaldesa Lara Méndez e outros membros do goberno local. A axenda culminará o 1 de xuño en Tomiño cunha recepción institucional encabezada pola rexedora, Sandra González, e unha visita ao mercado municipal.

As liñas estratéxicas do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para a presente lexislatura apostan por acentuar a colaboración cos países lusófonos, especialmente os da África máis empobrecida, onde xa se impulsaron varios proxectos en Mozambique. Entre eles, un de apoio á Axencia de Desenvolvemento Económico Local e ao proceso de descentralización e planificación territorial da provincia de Maputo.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.