O Festival de Cans inicia este sábado na Sala Ingrávida a retrospectiva do director alemán Hannes Stöhr

Esta primeira panorámica internacional do Festival de Cans proxectará as películas Berlin is in Germany, One Day in Europe e Berlin Calling durante o sábado 18, domingo 19 e o luns 20 de maio ás 20h00.

O Porriño | O Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio, inicia esta fin de semana na Sala Ingrávida as proxeccións da que será a primeira retrospectiva internacional da historia do certame dedicada ao director alemán Hannes Stöhr. Este cineasta naceu en Stuttgart en 1970, formouse na Deutsche Film- und Fernsehakademie de Berlín e, na actualidade, exerce de profesor de dirección e guión na Universidade de Stuttgart. Esta panorámica, que achegará a Cans as catro longametraxes que compoñen a súa filmografía, recolle a mirada deste cineasta moi ligado a Galicia, marcada pola temática social, os toques de humor intelixente e uns personaxes que se caracterizan polo seu pouso underground.

Global Player, o derradeiro filme da retrospectiva, proxectarase durante o Festival, o xoves 23 de maio ás 17h00 no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, e contará coa presenza do director.

O sábado 18 de maio ás 20h00 da tarde terá lugar a primeira sesión con Berlin Calling, unha película que se estreou dentro do Festival de Locarno en 2008. O filme conta a historia de excesos de Martin Karow, DJ Ickarus, un famoso produtor e DJ de música electrónica que pasa a súa vida, noite tras noite, pinchando en salas e clubes arredor de todo o mundo. Este personaxe foi interpretado polo músico e DJ Paul Kalkbrenner, un dos artistas da música electrónica máis aclamados do mundo, que compuxo ademais a banda sonora do filme.

O domingo 19 de maio pasarase á mesma hora (20h00) na Sala Ingrávida o filme One Day in Europe (2005), coñecido en Galicia como Galatasaray-Dépor. Trátase dunha película de episodios, formada por catro historias que suceden en catro países diferentes no día dunha hipotética final da Champions entre o Galatasaray de Estambul e o Deportivo da Coruña. One Day in Europe estreouse no Festival de Cine de Berlín, e nela participan unha parte importante de actrices e actores galegos como Miguel de Lira, Luis Tosar e Blanca Cendán, intérpretes que Hannes Stöhr coñeceu en Santiago de Compostela, cidade na que viviu durante un tempo nos anos noventa.

Berlin is in Germany, que se proxectará o luns 20 de maio, é a opera prima de Hannes Stöhr, coa que debutou en 2001. Esta historia transcorre no Berlín reunificado trala caída do muro, onde o protagonista Martin Schulz terá que desenvolverse e vivir tendo só o carne de identidade e diñeiro da RDA logo de pasar 11 anos en prisión. A Berlinale acolleu en 2001 a estrea deste filme, que obtivo o Premio Panorama do Público.

A Sala Ingrávida terá para este ciclo un aforo reducido a 40 butacas, que serán ocupadas por orde de chegada. O público que se achegue a este espazo poderá ver ademais unha parte da exposición “Outra pel, outro rostro”, da fotógrafa Cris Andina.

O colofón final da retrospectiva de Hannes Stöhr terá lugar o xoves 23 de maio, xa en pleno Festival de Cans. Ese día o cineasta estará presente para proxectar o seu filme máis recente, Global Player (2013), ás 17h00 no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Esta película, que se estrea en Galicia no Festival e que non chegou ás salas de cine en España, fálanos en clave de comedia da influencia da globalización e do capitalismo a través da difícil situación dunha pequena empresa familiar do téxtil do sur de Alemaña. Ao remate da proxección haberá un coloquio co director.