• Segue conectado
  • |

O conto é vello.

Levaba tempo con ansias de ler, dunha sentada, o libro no que Borrow conta os seus andares pola península, vendendo Biblias (The Bible in Spain, 1843). En verdade é na península e non como se pode malentender polo título co que o bautizou só en España; aínda que no subtitulo deixou nidia a referencia peninsular ás súas viaxes, aventuras e prisión no intento de difundir as escrituras.

Coido que parte do moito pracer que atopei na súa lectura é obra do magnifico castelán do tradutor, nin máis nin menos que don Manuel Azaña, un dos escasos, ao mellor o único, xefe dun estado democrático cuxos restos repousan en terra allea, mentres no seu país afirmase, con sospeitosa reiteración, o acatamento das formas democráticas. Sen dúbida hai feridas que seguen supurando.

Azaña, un nacionalista español, demócrata e progresista, decatouse que sen axuntar os dous termos que negan a España imperial, isto é república e laicismo, non hai forma de desmontar o proxecto da monarquía nacional-católica erguida baixo o “desgoberno dos Austrias, brutais e sensuais” e “da estupidez dos Borbóns”. Oian, quen escribiu isto foi o tal Borrow, non vaian a entender algún xuíz que sinta agredida a súa sensibilidade patriótica que o fago eu. Por “questiunculas” de tuíts ou camisolas estalle a pasar a algúns neste regreso ao “corral nublado” que diría don Max Estrella. Con esa referencia a escuridade respondíalle o cranio privilexiado ao libreiro Zaratustra cando este sinalaba o sol como envexa dos estranxeiros, na escena segunda de Luces de Bohemia.

O diálogo entre o libreiro, don Latino e Max Estrella complementase coa presenza dun home alto, fraco, tostado ao sol, que escribiu a crónica da súa vida andareira nun “rancio y animado castellano” chamado don Peregrino Gay e mudado en Gay Peregrino. A conversa é interrompida de cando en vez polo diálogo animalesco “EL GATO: ¡Fu! ¡Fu! ¡Fu!; El CAN: ¡Guau! EL LORO: ¡Viva España!” ou por un rapaz “pelón” que alborota o barrio cunha cana e unha bandeira ao berro de !Vi-va-Es-pa-ña!, ao que segue un ¡Guau! ¡Guau! canino. Oian que dicía Valle, non vaia ser…

Como alto, fraco e pernilongo, aínda que non tostado polo sol, describe Azaña a “don Jorgito el inglés”, como lle chamaban os abundantes “ manolos” de faca lixeira, nun Madrid, xa daquela, con problema cos idiomas. O personaxe, un tanto estrafalario, excéntrico e aventureiro, amante das linguas que a el lle parecían ben e descualificador de outras con lindezas como “el agrio dialecto de Portugal” ou o gruñido dos cataláns en “su áspero dialecto”, mentres gaba el “esplendido idioma de España” ou se ilusiona co caló ata facerse especialista e gran coñecedor da etnia cigana.

Borrow seguiu os consellos que lle dera o seu contemporáneo viaxeiro, debuxante e inglés, Richard Ford, de evitar as vagas descricións e as erudicións librescas e, pola contra, narrar feitos, feitos e máis feitos, resultado de observacións directas e, ao tempo, ter o valor de non caer en vulgaridades e gabanzas insulsas. Abofé que lle fixo caso. Borrow luciu como observador. Tamén de nós, aínda que como sinalou Plácido Castro “fose algunha vez inxusto” e “non chegara a comprender as realidades da nosa terra”.

Nunhas cantas pinceladas foi quen de describirnos e aínda que consideremos valido o proverbio árabe de que a xente parecese máis ao seu tempo que á súa terra, semella que o tempo, entre nós, muda moi lento.

Chegando aos lindes montesíos que extreman con Castela bateu, o inglés, con dous paisanos nosos, aos que inquiriu polo estado do camiño. Un afirmoulle que podía pasar con tino; outro que era intransitable co cabalo que levaba; ambos puxéronse a berregar e a se insultar mentres o inglés seguiu camiño.

O vendedor de Biblias realizou a súa viaxe entre 1835 e 1840, en plena guerra entre carlistas e cristinos (1833-1840), nunha España inzada de bandoleiros cun ou outro uniforme, con ningún ou alternado un con outro. O inglés andou polas nosas terras ao longo de 1837. Catro anos despois de que Javier de Burgos decretase o estado centralizado e o dividise en provincias. Borrow, nos poucos meses que por aquí estivo, decatouse das cativezas das cativas elites locais: o que preocupaba ao libreiro de Santiago era a capitalidade provincial na Coruña, que non tiña nin catedral nin hospital; mentres que ao notario de Pontevedra que os de Vigo andasen a remexer para mover os marcos e ter a súa propia provincia. Nisto dos marcos seguimos a darlle voltas, ata na política de hoxe se escoita moito, pero é só para sinalar outra leira e non para a concentración parcelaria.

Na visión enleadora de nós, recunca en varias ocasións. Ben por observación directa ou por testemuña. Así, segundo un dos criados que o acompaña, os galegos “parecen muy rústicos y simples, pero son capaces de engañar al filou más listo de París”. Se os homes son capaces de xogarlla ao estafador máis hábil, as mulleres non fan máis que promover disensións e disputas. Mais, pola contra, todos os galegos que hai en Madrid, calquera que sexa a súa condición, se coñecen, e alí, cando menos, “son todos muy buenos amigos y se ayudan mutuamente en cuantas ocasiones se presentan”.

!Que extraña lengua es el gallego, con su acento quejumbroso y melodioso a la vez, y con su revoltijo de palabras de varios idiomas, pero sobre todo de español y portugués!, comenta Borrow e engade o criado, tan sagaz observador como o amo: “He oido decir a los gallegos que no hay dos aldeas donde se hable de la misma manera, y que muchas veces no se entienden entre sí”.

Azaña publicou a súa tradución en 1921, oitenta anos despois da publicación orixinal. Os españois non parecían moi interesados en coñecer un dos grandes éxitos editoriais en lingua inglesa do que eles mesmos eran protagonistas. Coido que en portugués non hai tradución, ao mellor polo enganoso título. En galego editouse unha parcial da man de Salvador García Bodaño (Viaxe por Galicia, 1837. Xerais,1993; reeditado en 2015).

Máis o noso tempo parece detido no que observou Borrow. Os dialectalismos locais reviven agora entre sectores das denominadas vangardas culturais e a lea permanente entre os que por mornura ou outros motivos máis pedestres só viron no noso “revoltijo de palabras”o que máis se achegaba ao español; mentres outros sectores, unhas veces por xenreira e outras por inconsciencia, só quixeron ouvir aquilo que semella portugués.

Os cataláns converteron o seu “aspero dialecto” en lingua de cultura para a que unificaron e acordaron. Aquí non fomos quen de arrincarlle a lingua aos filólogos, continuamos promovendo “disensións e disputas” e botándolle a culpa aos demais. E non só nos asuntos da lingua.

Ao cabo o vendedor de Biblias, observou: “No veo por qué les parece tan malo un país que por su naturaleza es el mas rico y abundante de España. Cierto que la generalidad de los habitantes está en la miseria; pero la culpa es suya, no de la tierra.”


Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.
Publicado o 23 Abr 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies