O Concello mellora a calidade ambiental do río Tea

O Concello acada os compromisos da Deputación Provincial e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para o remate das obras da recuperación do Regato da Venda e a ampliación da EDAR
Ponteareas | O Concello de Ponteareas fixo público o balance de actuacións desenvolvidas para mellorar a calidade ambiental do río Tea, dende o ano 2004, momento en que Salvador González Solla fíxose cargo da Alcaldía, ata o día de hoxe. Actuacións que, segundo o Alcalde de Ponteareas “buscaban o fin último de conseguir un medio ambiente de calidade para unha zona de especial importancia para o municipio e incluída dentro da Rede Natura 2000”.
A situación medio ambiental do Municipio atopada a data de xuño do 2004, momento en que González Solla chegaba a Alcaldía, a cualificaba o propio alcalde como de “altamente preocupante por non dicir caótica”.
Antecedentes
Tal e como figura nos correspondentes informes medioambientais, os colectores xerais de formigón eran de grande antigüidade; existían numerosos vertidos, tanto controlados como incontrolados; a separación de augas fluviais e fecais era inexistente, orixinando un excesivo caudal que colapsaba a Depuradora e, a propia depuradora construída en 1995, presentaba numerosas deficiencias debido tanto a súa antigüidade como a antedita sobrecarga de traballo provocada por un excesivo caudal de entrada.
A pesar de que no ano 1997 a entón Confederación Hidrográfica do Noroeste aprobaba provisionalmente a autorización de verquido ao dominio público da EDAR de Ponteareas, non se fixo ningún outro trámite ata novembro do 2004, xa con González Solla como alcalde, momento en que o Concello solicitaba autorización definitiva do vertido. A contestación da CHN era contundente ao sinalar que “os vertidos realizados pola EDAR non cumpren o establecido no Plan de Regularización”.
O primeiro paso, lembra González Solla, “foi poñer en marcha todas aquelas medidas correctoras co fin de que o vertido final da EDAR fora compatible coas normas de calidade e obxectivos ambientais do río Tea”.
Actuacións do Plan de Regularización e Recuperación
A complicada solución aos problemas medioambientais existentes no municipio, fixo necesaria a posta en marcha dun Programa de Recuperación a desenvolver en dúas fases. Unha primeira de redacción do proxecto de Mellora no Pretratamento, proceso biolóxico e calidade tratada na EDAR de Ponteareas, amais dun proxecto de desengraxado e sistema de desinfección e unha segunda fase consistente na posta en funcionamento das novas instalacións.
Dentro das actuacións desenvolvidas, comezouse pola incorporación de novos núcleos e barrios periféricos á rede xeral de saneamento, como Angoares (239.000 €), Canedo (123.000 €) e Bugarín-A Freixa-As Cachadas (522.000 €).
Paralelamente, todas as obras de humanización que realizou o Goberno Local e que abrangueron os puntos máis salientables do casco urbano, incluían a separación das augas fluviais e fecais caso das rúas Oriente, Esperanza, Constitución, Reveriano Soutullo, Virxe dos Remedios, Praza Maior, Avenida de Galicia, Rosalía de Castro e Fermín Bouza Brey que supuxeron un investimento superior a 1.000.000 €. amais da construción de novas traídas de auga que substituíran as existentes de grande antiguidade.
Os vertidos que ameazaban claramente a saúde ambiental do río Tea e do seu entorno, foron, como explicaba o alcalde Salvador González Solla “un obxectivo prioritario de actuación ao supoñer un grave risco para una zona especialmente sensible”.
A Freixa, San Roque e As Cobas, tres dos puntos máis complicados en materia de vertidos, contaron con actuacións específicas que deron como froito a eliminación total deses vertidos, investíndose máis dos 400.000 euros.
Ao mesmo tempo que se puña remedio aos vertidos, traballouse noutras frontes tanto ou máis importantes para garantir a saúde ambiental de Ponteareas como foi o caso da mellora no Pretratamento, proceso biolóxico e calidade da auga tratada na EDAR, con preto dos 250.000 euros de orzamento e a construción da primeira fase da Estación de Tratamento de Auga Potable, ETAP, cun investimento de 1.345.000 €.
Os traballos de recuperación ambiental non quedaron cinguidos ao entorno do río Tea xa que, segundo aseguraba González Solla “era preciso actuar no ámbito máis amplo posible, xa que de nada serviría intentar o saneamento do río Tea se nos despreocupábamos doutros problemas medioambientais que, antes ou despois, acabarían incidindo no propio Tea”,
Dentro destas actuacións paralelas, procedíase ao acondicionamento do Parque de San Roque (101.410,23 €); paseo fluvial da Freixa (76.752,56 €), pistas deportivas da Freixa (52.500 €), circuíto de ximnasia de Pardellas (38.500 €) e mellora das instalacións deportivas de Pardellas (incluída a instalación dun campo de herba sintética) con 570.000 €.
Do mesmo xeito, e por primeira vez no municipio, púñase en marcha un plan de Reciclaxe de Aceites, para evitar o seu vertido e asinábase un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para a recuperación ambiental da área recreativa da Freixa e Senda do río Tea, cun importe de 100.000 euros.
O futuro inmediato
O alcalde de Ponteareas explicou, na presentación deste balance de actuacións medio ambientais, as que se desenvolverán nun futuro case que inmediato e que marcarán un antes e un despois na protección do entorno natural de Ponteareas e o remate dos traballos que hai anos se comezaron para conseguir este obxectivo final que non é outro que sanear o río Tea e mellorar a calidade ambiental do municipio.
As xestións directas realizadas pola Alcaldía de Ponteareas fronte a Deputación Provincial e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), permitirán que a obra de recuperación ambiental do Regato da Venda, que contan cun orzamento de 4.000.000 €, poidan realizarse. Esta actuación, para que o Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) achegaba o 70%, corría o risco de perderse se antes de fin deste ano, non se atopaba financiamento para o 30% restante. O compromiso adquirido polo Concello de Ponteareas, a Deputación Provincial e propia CHMS, froito das xestións realizadas ante estes dous últimos organismos polo alcalde González Solla, permitirán realizar esta obra que contribuirá, de xeito notable, a recuperación do río Tea.
Do mesmo xeito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten xa elaborado o proxecto de ampliación da EDAR de Ponteareas que, unha vez en funcionamento, permitirá que o municipio poida contar cunha depuradora capaz dar resposta ás necesidades de tratamento de augas residuais dunha poboación de 33.000 habitantes. Esta obra cumpre agora o trámite de que o Concello poña ao dispor da Xunta de Galicia os 7.000 metros cadrados de terreo precisos para a súa execución.
Finalmente, o proxecto de mellora da Senda do Río Tea polas parroquias de Bugarín, Prado, Pías, Ribadetea e Padróns, permitirá gozar a veciños e veciñas dun entorno natural totalmente recuperado ao marcar tamén o inicio dos saneamentos parroquiais para estas zonas, moitos dos que, nestes momentos, están só a espera de poñer os terreos precisos para tales obras.
Salvador González Solla quería destacar o feito de que “cando as administracións traballan todas na mesma dirección e suman forzas en lugar de restalas, todos os proxectos son posibles” e nese sentido, destacaba o alcalde de Ponteareas “a estreita colaboración de catro administracións (Xunta de Galicia, Confederación Hidrográfica, Deputación e Concello) en algúns dos proxectos do municipio tan necesarios como prioritarios”.
Rematou o alcalde a presentación do balance sinalando que “a pesar de que o máis complicado está feito ou a piques de facerse, o mantemento dun medio ambiente natural limpo é unha das prioridades deste Goberno Local, como así o ven sendo dende a nosa chegada ao Concello de Ponteareas”