• Segue conectado
  • |

“O Concello fará todo o posible para que a cidadanía recupere os terreos da fachada atlántica da cidade”

A Coruña |  ​O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, amosou esta mañá a súa satisfacción pola decisión do consello de administración da Autoridade Portuaria de “rectificar a decisión tomada de xeito precipitado o pasado decembro” e suspender a subasta dos terreos da Solana e Hotel Finisterre, no marco das negociacións que a administración local está a manter tanto coa institución coruñesa como con Portos do Estado, da que depende, “e que ten como obxectivo que os terreos da fachada atlántica revertan en toda a cidadanía, garantindo que tanto o seu uso como a súa titularidade sexan públicas”. “Como administración, que ten que traballar con outras administracións e coa cidadanía, intentaremos que a cidade recupere eses terreos nunhas condicións razoables”, dixo Ferreiro, que manifestou que a “gratuidade” que reclaman colectivos sociais “sería estupenda se se puidese conseguir”. “Non obstante, non queremos perder de vista o obxectivo fundamental que é a recuperación dos terreos, cunhas condicións o máis vantaxosas posibles”, indicou. “Na medida na que a cidade recupere a pretensión de que eses teñen que ser terreos públicos, as condicións de negociación poderán ser máis doadas”, reflexionou.


Por outro lado, e preguntado pola prensa, no marco das xornadas celebradas no Paraninfo pola ‘Mesa Técnica para a xestión do ciclo urbano da auga’, o primeiro edil coruñés indicou a súa confianza en que as administracións implicadas neste proceso cheguen a un consenso antes de que remate o prazo de seis meses marcado pola Autoridade Portuaria para manter a suspensión da poxa da Solana. “Tería sido mellor unha suspensión indefinida, pero creo, dende logo, deberiamos chegar a un acordo antes”, comentou. “O acordo ao que se chegue ten que ser de carácter global, e englobar a todos os terreos do bordo litoral, se ben é posible que cada un teña fórmulas particulares”, dixo, en referencia ás zonas da Solana, Hotel Finisterre, os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, e San Diego. “É fundamental ademais abordar a necesidade de reordenación urbanística deses terreos, o que nos levará a revisar os convenios firmados en 2004”, engadiu.

A este respecto, tamén manifestou a necesidade de que a Autoridade Portuaria dea cumprimento aos acordos aos que chegou o Concello con Portos do Estado xa o ano anterior, e que pasan por traspasar a titularidade dos terreos da Mariña. “A cesión xa estaba negociada en marzo de 2016 e non sei por qué non foi tramitado xa por parte da Autoridade Portuaira. Na última reunión que tivemos con ela e con Portos recordouse este tema. Estamos esperando a que se nos ceda para poder, por exemplo, facer as obras que temos previstas para facer da Mariña un espazo máis amable e máis humanizado”, explicou. Unha actuación que, segundo recordou o alcalde, pasará entre outras cuestións por colocar unha pérgola na explanada que dea “sombra en verán e acubillo en inverno”, así como aumentar as zonas infantís, e instalar fontes. “O que pretendemos é axudar a maior habitabilidade da zona”, resumiu.

“A cesión xa estaba negociada en marzo de 2016 e non sei por qué non foi tramitado xa por parte da Autoridade Portuaira”

Publicado o 3 Mar 2017 en A Coruña.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies