• Segue conectado
  • |

O concello de Ourense denega permiso para recoller apoios á ILP a favor do galego nas relacións de consumo

A Mesa pregúntase o motivo polo que ao goberno local do PP lle resulta nocivo o recoñecemento pleno do dereito a utilizar o galego sempre

Ourense | A Mesa pola Normalización Lingüística recibiu do Concello de Ourense a denegación da solicitude de colocación dun posto de recollida de sinaturas para apoiar a campaña da ILP polos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

“A resposta en castelán pon de manifesto que o alcalde mantén a actitude de odio ao galego da súa etapa como conselleiro”

A resposta remitida polo Concello pon de manifesto o odio ao galego por parte do alcalde, Jesús Vázquez Abade, público e notorio desde a súa etapa de conselleiro de Educación da Xunta de Galiza. Ademais de denegar a solicitude o concello respostou en castelán, incumprindo a Lei de Normalización Lingüística de 1983, que no artigo 4 sinala que “o galego, como lingua propia de Galiza, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, e da Administración local”. Casos coma este mostran a necesidade desta ILP e a inexistencia práctica da atención en galego por parte de entidades públicas e privadas.

 

A Mesa pregúntase que motivo pode ter o goberno do PP de Ourense para que lle resulte nocivo o recoñecemento do dereito a recibir información, documentación, contratos e atención en galego. “En que prexudica á cidadanía ourensá que teña á súa disposición unha mesa na rúa para se informar, e apoiar se quixer, unha ILP que só contempla o recoñecemento dun dereito fundamental? Que perigo para a vida normal da cidade observa para que se rexeite a presenza nas rúas dunha campaña a favor do galego?” preguntouse o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

O coordinador da Mesa en Ourense, Manuel Carniceiro, lembrou ademais que son moitos e moitas as ourensás que traballan no sector da teleatención e que o recoñecemento do dereito á atención en galego neste sector é un bo antídoto contra a deslocalización e despedimentos que poñen en perigo os seus postos de traballo. A preocupación lóxica dos e das traballadoras deste sector só recibe desprezo e prohibición por parte do seu concello.

“A Mesa fará valer o seu dereito a recoller apoios a favor dunha ILP que cumpre con todos os requisitos fixados polo Parlamento e a Xunta electoral”

Segundo indicou Manuel Carniceiro, a cantidade de sinaturas recollidas nos últimos días na cidade de Ourense en apoio a esta ILP xa supera o millar, mais “o concello pretende impedir que os apoios sigan crecendo”. “O grupo de traballo dA Mesa pola Normalización Lingüística en Ourense seguirá recollendo con ou sen permiso do Concello”. Da entidade en defensa da lingua lembran que só se aterán ao dereito ao dereito a recoller apoios a favor dunha Iniciativa lexislativa Popular, admitida a trámite polo Parlamento de Galiza, que cumpre con todos os requisitos fixados pola Xunta electoral, e que se atén ao contemplado na Lei 7/2015 de Iniciativa Lexislativa Popular e participación cidadá.

A ILP naceu con motivo das múltiples queixas que chegan á aplicación A Liña do Galego, queixas que poñen de manifesto a vulnerabilidade dos dereitos lingüísticos e a nula garantía lexislativa de que se poda exercer ese dereito a vivir no noso idioma.

Esta ILP pretende impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais, xa que a súa inexistencia, malia ser o galego unha lingua cooficial en Galiza, provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos.

Publicado o 10 Abr 2017 en Cultura, Ourense.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies