O Can de Palleiro, protagonista dunha exposición fotográfica

Madrid | O Can de Palleiro, a raza canina autóctona de Galicia, é o protagonista da exposición de fotografías que dende hoxe e ata o próximo día 30 pode verse na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, co nome do “Club Raza Can de Palleiro”, homónimo da entidade coorganizadora, encargada da recuperación e difusión das características desta raza dende hai doce anos. Esta é a cuarta exposición realizada polo Club e a primeira que ten lugar fóra de Galicia.

Na inauguración interviñeron o secretario do Club, Xosé Manuel Vales Ramos, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen sinalou que a exposición consta de 18 fotografías e varias láminas sobre cartón e que “deste can se di que é gardián de proverbial intelixencia; que presenta un carácter forte e reservado cos estraños, se ben se volve doce e tranquilo coa xente da casa; que é valente e mordedor cando hai que selo, por exemplo na protección do gando”.

Vales Ramos explicou que o Club Raza Can de Palleiro xurdiu co obxectivo esencial de recuperar unha raza galega en perigo de extinción, despois de que en 1999 os veterinarios da Xunta observasen que había un grupo de canes que tiñan similitudes, estudasen as súas características, os censasen e establecesen un estándar que é o que prevalece.

Informou de que nestes momentos, o Club Raza Can de Palleiro ten rexistrados algo máis de seiscentos exemplares desta raza canina que se achan, fundamentalmente, esparexidos por toda Galicia, pero tamén hai algúns exemplares en Andalucía, Cataluña, País Vasco, Castela e León e Madrid, en España; e nalgúns outros países, como Noruega e Brasil, e o próximo mes de xullo recollerán un para EE. UU. Segundo os datos que dió, a raza estase a consolidar con entre 100 e 127 exemplares por ano e cando supere os 2.000 exemplares deixará de considerarse en perigo de extinción.

“Comprácenos promover actividades de diversa índole co fin de dar a coñecer as características que fan tan especial ao Can de Palleiro, a parte do feito de que sexa unha das razas caninas xeneticamente máis antigas de Europa, formando parte do Patrimonio Natural de Galicia”, expuxo.

Dentro das actividades do Club, Vales fai unha mención especial “á visión recollida deste fiel compañeiro a través dunha recompilación de fotografías, pertencente aos dous primeiros concursos fotográficos sobre o Can de Palleiro, onde podemos ver retratado tanto o carácter coma a morfoloxía deste can pastor que non queremos que sexa un legado esquecido da nosa historia”.

A orixe do Can de Palleiro está nas rexións de Centro Europa, que coas migracións se asentou no norte e noroeste de España. Tratábase dun can sufrido e traballador, incansable, que se empregaba para coidar as vacas no prado e impedir que se escapasen, acompañaba a anciáns e nenos nas casas e avisaba da presenza de estraños. O nome “can de palleiro” vén do feito de que en épocas de escaseza era un can considerado animal de segunda, que sobrevivía comendo o que encontraba e durmindo no palleiro.

Máis información en www.clubcandepalleiro.com.