• Segue conectado
  • |

O alcalde mostra o seu malestar co trato que os Orzamentos Xerais do Estado lle dan a Santiago

Lamentou que os Orzamentos Xerais do Estado rebaixen a partida para o Consorcio nun 2,5%

Santiago de Compostela | O alcalde fixo unha primeira valoración dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, e das partidas que destinan a Santiago. Martiño Noriega recoñeceu a súa “indignación e malestar” cunhas contas que “teñen moitas máis sombras que luces”, e que supoñen “o incumprimento de importantes compromisos adquiridos coa nosa cidade”. O rexedor lembrou que o trato que recibe Compostela nos Orzamentos Xerais do Estado non é distinto do que recibe o conxunto de Galicia “cunha caída do investimento a niveis de hai 14 anos, e despois de termos pasado unha crise económica”.

 

O alcalde compostelán considera “inexplicable” que as contas non inclúan a partida comprometida para a humanización da rotonda de Conxo. Martiño Noriega lembrou que “este foi un compromiso adquirido pola exministra de Fomento, Ana Pastor, nunha visita ao propio barrio na que mostrou planos dun anteproxecto”.

Tamén considerou “dificilmente comprensible” que non figure “nin partida para a depuradora nin proxección orzamentaria para esta infraestrutura, que tamén está comprometida”. Martiño Noriega explicou que o Goberno local xa lle ten solicitado explicacións a Acuaes, “pero o argumento que se nos deu parécenos cativo”. O alcalde adiantou que pedirá novas explicacións na xuntanza que manterá coa ministra de Agricultura en Madrid o próximo 17 de abril, e á que tamén asistirá o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

O alcalde tamén lamentou que os Orzamentos Xerais do Estado rebaixen a partida para o Consorcio nun 2,5%, xusto “cando se está a facer un enorme esforzo para reactivar este organismo a través dunha reunión do Real Padroado”.

Como únicos aspectos positivos das contas estatais o alcalde citou que “se inclúen as partidas previstas para a estación intermodal e para o enlace orbital”.

Disposicións adicionais

Ademais de polas partidas previstas para Santiago, Martiño Noriega expresou a súa preocupación polas Disposicións Adicionais dos Orzamentos Xerais do Estado, “que pretenden impedir a recuperación de servizos para a cidadanía”. O alcalde lamenta que o Goberno central “trate de impedir que as administracións asuman a xestión directa dalgúns servizos, ao mesmo tempo que non da ningún paso atrás na taxa de reposición e nos EREs encubertos nas administracións”.

Publicado o 10 Abr 2017 en Economía, Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies