• Segue conectado
  • |

O Alcalde de Ponteareas e a Concelleira de Ensino avanzan no estudo dun novo modelo de vila

Xosé Represas e Cristina Fernández participaron no Encontro Tonucci Rede Española Cidades dos Nenos e Nenas

Ensino Ponteareas

Ponteareas | O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, participan no Encontro Tonucci Rede Española Cidades dos Nenos e Nenas que se está a celebrar estes días na cidade de Pontevedra, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Pazo da Cultura.

A este segundo encontro entre as cidades e vilas asisten máis dun cento de técnicos, representantes de administracións e entidades de todo o Estado en materia de Ensino, Formación, Vías e Obras, Mobilidade ou Igualdade, entre outros departamentos.

Este encontro, que o ano pasado se celebrou en Granada, nace co obxectivo de potenciar a autonomía dos nenos e das nenas no espazo público e, sobre todo, para coñecer in situ o coñecido “modelo Pontevedra” ensalzado por Tonucci en todo o mundo.

Dentro da programación desenvolta nestes días de traballo os participantes asistiron a seminarios prácticos en grupos, percorreron a cidade para detectar as diferenzas entre a Pontevedra de antes e a de agora a través de fotografías antigas e comprobaron a evolución da cidade que soubo adaptarse ás necesidades dos veciños e veciñas.

Para o Alcalde de Ponteareas, “participar nestes encontros é unha mostra máis do interese real que ten este equipo de goberno en facer da vila un espazo para a veciñanza adaptado aos seus ritmos e respetuoso co medio ambiente. Garantir un espazo público óptimo, agradable, san e accesible para todos e todas está entre as prioridades deste goberno”.

Pola súa parte, a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, destaca a importancia de formarse permanentemente e traballar tomando os exemplos de outras cidades que son capaces de integrar a todos e todas as veciñas, incluíndo os colectivos de poboación máis sensible como o son os nenos e nenas, os nosos maiores ou as persoas con dificultades especiais.

Arredor deste encontro, durante o mes de abril, organizáronse diferentes actividades didácticas e lúdicas (roteiros guiados, xogos…) nas que tiveron a ocasión de participar moitos escolares da vila de Ponteareas.

Publicado o 2 Xuñ 2017 en Ponteareas.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies