• Segue conectado
  • |

Nova discriminación do galego, desta volta nas oposicións

A Mesa pola Normalización Lingüística: “Este desprezo ao galego ten responsábeis e deben ser cesados”

Santiago de Compostela | A pasada fin de semana tiveron lugar, no recinto feiral de Silleda, os exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde, que contaron cun total de 3647 aspirantes para 401 prazas.

Na folla de instrucións ficaba claro como para o Sergas e a Xunta de Galiza o galego non é máis que un adorno. Din textualmente que “ En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.”
Esta afirmación é un compendio de prexuízos baseados no odio á lingua propia de Galiza. Esta breve instrución evidencia os prexuízos e a discriminación e consideración que lle dan ao galego na Xunta e na Consellaría de Sanidade.

Segundo indica a propia Consellaría de Sanidade, as preguntas só poden estar mal feitas, con erros tipográficos ou de transcrición na versión en lingua galega, o que ao mesmo tempo quere dicir que ou o castelán ten algunha capacidade, descoñecida en calquera outra lingua, de autocorrección contra grallas, ou que o texto en galego non se revisa e non se elabora cun mínimo de rigor. Só se pode concluír que a única finalidade de dar opción en galego é decorativa, pois a recomendación acaba sendo imposición do castelán pois quen queira aprobar debe facer a proba en castelán, xa que só nesta lingua hai garantías de que as preguntas está correctamente elaboradas.
Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “estamos ante un feito gravísimo, indicativo do desprezo que a Consellaría de Sanidade ten co galego”. Maceira lembrou que non é a primeira vez que pasa pois a Mesa ten denunciado vulneracións lingüísticas tanto a doentes como ao persoal. “A última foi a eliminación do galego nunhas enquisas internas e agora reitérano nas oposicións” apuntou.

Desde a entidade en defensa e promoción do galego, volvemos rexeitar a medida do PP ao chegar ao goberno da Xunta, foi eliminar a proba en galego para o acceso á función pública. “Agora dá un paso máis inutilizando a opción en galego, e animando directamente a non utilizalo”.

Maceira sinalou ademais “débense cesar ás persoas responsábeis duns feitos que se repiten e que só contribúen a desprestixiar a lingua galega desde as mesmas institucións que teñen obriga de promocionala e defendela” sinalou Maceira.

Publicado o 2 Nov 2017 en Cultura, Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies