“Ninguén é imprescindible en política, e ninguén é ninguén”

Rafael Cuíña | Alcalde de Lalín

Rafael Cuíña (Lalín) sorprendeu a propios e estraños cando puido acceder á alcaldía do seu concello, Lalín. Vinculado durante a súa mocidade ao PP, desligouse desa formación para procurar un espazo que lle dese acubillo á súa concepción da política e sobre todo a política entendida en clave galega. Di non estar preocupado polo que aconteza na campaña e cos resultados das eleccións locais de maio. Ve un PP perdendo votos pola dereita e unha necesidade de comarcalización e renovación do rural.

-En que estado de ánimo afronta as vindeiras eleccións municipais de maio?
O certo é que non tiven moito tempo de pensar nas eleccións porque no Concello estamos cun altísimo nivel de traballo. Non obstante, a final deste mes comezaremos a atender xa algunhas cuestións relacionadas coas candidaturas. Pero insisto, estou máis centrado no día a día de Lalín, porque se un alcalde dun municipio cunhas dimensións como é este, se adica a pensar nas vindeiras eleccións e candidaturas en vez de atender as propostas do seu equipo non é o idóneo.

-Pero algunha sensación interna do partido, CxG, terá.
Si, pero insisto, non é a miña preocupación agora, aínda así as sensacións son boas. O que sinto pola rúa é positivo, pero quero estar máis centrado nas miñas responsabilidades.

-As demandas orzamentarias de Lalín cara a Xunta de Galicia están cumpridas?
Pois as partidas da Xunta para Lalín eran cero. O curioso é que tanto o PP de Lalín e a Xunta din que hai partidas xenéricas que logo se aplicarán, pero xa levamos cinco anos, non só con este goberno senón co anterior tamén, con cero orzamentos para Lalín, por tanto o goberno autonómico non cumpre co noso Concello.

-Por que cre que acontece isto?
A pregunta é retórica. Ao non sermos do mesmo signo político, hai xente que ten unha concepción da política diferente á miña. Lembro aquí importantes alcaldes e conselleiros de Lalín, que foron feitos fillos adoptivos doutros concellos gobernados por forzas políticas diferentes á súa. Nestes momentos, na Xunta de Galicia o que prima é favorecer aqueles concellos ou institucións da mesma cor política e ignorar a quen non o son. Así non se fai política.

-Teme que de presentar un orzamento a oposición o tombe como aconteceu noutros concellos?
Imos continuar cos orzamentos prorrogados. Cando presentamos o último, fixémolo pensando xa na posibilidade de prorrogalo e é un bo orzamento. Xa non perdo tempo pensando neste tema.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.