• Segue conectado
  • |

“Sempre defendemos a desaparición das deputacións”

Goretti Sanmartín | Vpdta. Dep. da Coruña

Goretti Sanmartín (A Estrada, 1966) leva o cargo de vicepresidenta da Deputación da Coruña desde as últimas eleccións municipais. Considera que é cedo para falar de recuncar nun novo pacto PSdeG-BNG na administración provincial, pero do que si está segura e certa, é da necesidade ou ben de adelgazar as deputacións ou preparar o camiño para a súa eliminación.

Como se sabe nas deputacións un cargo non se escolle, é unha representación indirecta. O balance dese acordo, que era un acordo moi atrevido, que ía máis alá dunha suma de programas, senón que eran cuestións realistas sobre o papel das deputacións. Nese sentido a miña valoración é satisfactoria. Conseguimos obxectivar as axudas que van recibir os concellos, a través de varias ferramentas entre elas o Plan Único de Concellos. Que signifca que cunha serie de criterios acordados desde hai anos, os fondos existentes terán unha distribución entre os diferentes concellos de tal maneira, que serán eles os que decidan como administralos, cunha liberdade total que antes non había. Non é quitar planos municipais para non acometer determinados obxectivos. Será dicirlles que terán unha cantidade e que os remanentes que aparezan vanse sumando a ese plan único. Dito plan, que ten unha axuda do cen por cen e os concellos terán liberdade para decidiren. Á parte diso, as liñas de subvención que se manteñen, son liñas obxectivadas, dotadas dunha comisión técnica externa e facer da concorrencia competitiva sexa o criterio polo que nos rexemos. Así redúcense as nominativas ou a dedo que deberan ser para cuestións excepcionais.

E cal é a parte menos positiva?
No terreo das transferencias. Outro punto do pacto de goberno era conseguir o baleirado das deputacións, mediante as transferencias aos concellos. E si que fixemos reivindicación de transferencias á Xunta, mais de momento non son atendidas.

Por que pensa que é así?
Pois é evidente que para eles non é unha prioridade política. Están nunha actitude de non ser receptivos a ningunha comunicación a este respecto. Nós pensamos que non ten sentido que unha deputación teña centros de ensino ou residencias. Carece de toda lóxica, o que fixemos foi cando menos, nos espazos sen utilización ou infrautilizados, tivesen a maior utilidade pública. Un exemplo é o espazo da Residencia Calvo-Sotelo que pasa a ser residencia universitaria coa que se dá resposta á falta dunha residencia universitaria pública na cidade da Coruña.

Non lle parece contraditorio ser a vicepresidenta da Deputación e pedir ou traballar no adelgazamento desa institución?
Son unha persoa que forma parte do BNG, e sempre defendemos a desaparición das deputacións. Desde a miña perspectiva non é contraditorio. A cuestión de que os cartos deberan ir directamente aos concellos, así pois, mentres existan as deputacións, debe haber unha distribución obxectiva e igual para todos dentro dela, e tentar conseguir que diferentes infraestruturas, sexan diferentes administracións quen leve ese espazo.

Como responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, cales son os obxectivos cumpridos e os que aínda non se acadaron?
Un dos obxectivos cumpridos foi poñer orde no reparto discrecional dos fondos que había en Cultura. Fundamentalmente da ordenación de liñas que consideramos prioritarias, como facer liñas competitivas en festivais, para fundacións ou para centros e museos. Decidimos eliminar as subvencións nominativas e fomentar a rede cultural da Deputación, unha ferramenta para que o tecido creativo poda ter unha presenza forte na provincia. E o que fixemos foi reorganizala en diferentes seccións e fomentar a produción propia. Tentamos tamén desenvolver unha política en liñas xerais de apoio ao tecido asociativo.

Segue notando os recortes en cultura por cuestión da crise?
En xeral está claro que a cultura é a primeira en sufrir recortes. Penso que agora se está a recuperar, estamos incrementando os orzamentos en Cultura por parte da Deputación. Nese sentido, somos a institución que máis aposta polos festivais, cun millón de euros. Os festivais repercuten nas compañías e os artistas, que necesitan traballar dunha maneira máis estable e alongada. Necesitan saber que proxectos de pequenas entidades van poder seguir desenvolvéndose. Está tamén a hostalaría, o comercio e a dinamización económica arredor deles. Apoiar os festivais significa crear emprego e espazos de encontro. Imaxinemos o que significa o festival de Ortigueira para a vila e a comarca, por poñer un exemplo. A cultura dá emprego para todo un sector importante que move moito.

Ás veces parece que nos pactos doutras forzas co BNG, a esta forza política lle vai tocar a área de cultura. Non ten esa impresión?
Eu véxoo así, no BNG en cultura vemos moi claro o que temos que facer. Logo deses anos de crise, nos que pasamos de moita xente en escena a espectáculos de monólogos ou de dúas persoas. O coñecementos que tiñamos do sector, pois obrigounos a realizar un investimento forte. Pero o mesmo que levamos Cultura, tamén levamos a Área de Cooperación cos Concellos.

Quedan menos dous anos para as municipais. Como concelleira do BNG en Santiago, ve un posible un pacto onde entre o BNG no goberno da cidade?
En política os tempos son moi importantes. Aínda é un tempo de avaliación para nós. Con este goberno, apoiamos cuestións de maneira indirecta tanto en investidura como orzamentos. Agora trátase de que a poboación faga unha avaliación sobre o grao de cumprimento e de melloras, e para o veredicto das urnas, queda aínda moito. Nós temos claro que fixemos unha oposición construtiva, pensamos que canto mellor lle vaia á cidade e ao governo local, mellor é para todo o mundo.

Ten confianza nas enquisas?
Pouca. As enquisas marcan tendencias, poden indicar relativamente para onde van as cousas. Pero tamén estamos nun mundo cada vez de máis vertixe, onde un feito pode cambiar de maneira radical o sentir de parte da poboación. Nas últimas autonómicas daban por desaparecido ao BNG e non aconteceu tal cousa.


Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.

Publicado o 2 Nov 2017 en Entrevistas.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies