• Segue conectado
  • |

Máis nomes de cidades.

Referinme en colaboracións anteriores a diversas mudanzas no nome de cidades ou vilas, polo que poderiamos chamar “exceso de historia”´. Hai uns días referiámonos a San Petersburgo ou Istambul. Tamén podería ser este o caso da cidade de Tsaristsyn, onde se xuntan o río Tsaritsa e o Volga; así denominada durante catrocentos anos,

Seica o nome de río, e da cidade, provén do tártaro; de “sary su” que se podería traducir como “auga amarela”. Debía ser a a súa cor natural; aínda que pola historia acaeríalle mellor “auga vermella”. As matarifadas que se fixeron nas súas beiras foron tamén excesivas.

A primeira de soa foi baixo o reinado do segundo dos Romanov, Aleixo I, cando se “fixou” aos servos á terra, permitiuse a súa persecución durante 15 anos e autorizouse a súa venda ou cesión. Os motíns estendéronse por todas as Rusias, pero esta area foi o centro da revolta encabezada por Stiepán Razin, quen proclamou a República cosaca e aboliu a escravitude. Entre cosacos e boiardos tinguiron de vermello os dous ríos. Cento e pico de anos despois (1773) os cosacos do Don volvéronse erguer contra o imperio, agora encabezado por Catarina A Grande e o sangue volveu empapar a terra.

Cento e poucos anos máis tarde os exércitos de cores asolaron as terras chás entre Don e Volga. O negro dos anarco-comunistas; o branco da aristocracia, menxeviques e outros; o verde dos campesiños e aliados e o vermello dos bolxeviques. A terrible guerra civil endureceu os corazóns e a cidade mudou de nome para homenaxear o conquistador da cidade, Stalin.

Non tiveron moito tempo para reconstruíla. Neste enclave estratéxico concentráronse as forzas do exercito vermello para deter o avance das tropas alemás, italianas e romanesas. A batalla de Stalingrado pasa por ser unha das máis terribles e prolongadas da historia, iniciouse o 21 de agosto de 1942 e rematou o 2 de febreiro de 1943. O 90% da cidade eran ruínas, sobre dous millóns de mortos ficaron na “cidade heroica”. O 29 de novembro de 1943 Winston Churchill, en presenza de Franklin D. Roosevelt, fíxolle entrega a Stalin da longa espada gravada e engalanada de xoias que o rei Xurxo VI mandou forxar en homenaxe aos defensores da cidade, entre os que acadou sona o francotirador Vasili Záitsev que Jude Law popularizou no filme de Jean-Jacques Annaud, Enemy at the Gates.
Os libros de historia, a literatura, o cine, os videos-xogos manteñen vivo o nome de Stalingrado, aínda que só se denominou así entre 1925 e 1961. Tras a desestalinización trocáronlle o nome polo de Volvogrado, a cidade do Volga. Durante os anos oitenta do pasado século houbo certos intentos de retornar ao nome heroico; mesmo na actualidade hai un ruxe-ruxe fundado en que polo mundo adiante a xente sabe ben onde é Stalingrado, pero non tanto que a cidade presidida pola estatua da Nai-Patria se chame Volvogrado.

O que non deixou foi de azoutala o vento da guerra en forma de atentados suicidas en 2013.


Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.
Publicado o 10 Ago 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies