• Segue conectado
  • |

Madrigalegos letra e terraferidos

A Peneira dixital - Ana Acuña

O salón de actos da Casa das Campás quedou moi pequeno para acoller a todas as persoas que quixeron seguir a presentación. organizada polo Atemeo de Pontevedra. de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), o ensaio máis recente de Ana Acuña. Ventura foi contar coa intervención do sociólogo Daniel Pino, unhas das 54 testemuñas do libro, que cualificou a obra como moi interesante e de lectura atractiva, tanto polo seu contido coma pola metodoloxía utilizada, que combina o método documental e o cualitativo, «o que permite ler un poema sinfónico, onde os executantes realizan as súas variacións baixo a firme dirección da autora». Citou Pino os cinco grupos de madrigalegos ou focos de irradiación de cultura galega en Madrid durante a segunda metade do século XX estudados por Acuña na obra: a Mocedade Universitaria Castelao (1952-1954), o grupo Brais Pinto (1958-1961); o Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco (1965-1969), o Grupo Lóstrego, Irmandade Galega (1971-1986) e, finalmente, o Grupo Bilbao (1996-2000). Referiuse ao territorio do Madrid que coñecera a comezos dos anos sesenta, que contaba apenas con dous millóns de habitantes e se transformaba en cidade cindustrial por mor dunha decisión burocrática. Leu un texto de Alexandre Cribeiro, incluído no libro, no que se relataba unha visita ao Pozo do Tío Raimundo e outros porpios da súa experiencia daquel tempo. «Lonxe da terra adquírese conciencia, aínda que podemos confundir a conciencia». rematou cun poema do seu libro Leme de lembranzas.

A Peneira dixital -  Conciencia política e literatura galega en Madrid 1950-2000Falou a seguir o profesor Xesús Alonso Montero, prologuista da obra e director da tese de doutoramento sobre a que se editou. Comezou lembrando o número dedicado a Galicia en 1966 de Signo, publicación mensual de Acción Católica, onde Novoneyra publicou un poema no que citaba a Daniel Pino e a outros rapaces que estaban na cadea. Referiuse despois ao título do libro de Acuña, baseado na tese que dirixiu, «Facer literatura galega en Madrid», cuxo espiñazo son «os cinco grupos que aparecen na diaspora protagonizados en Madrid por galegos letra e terraferidos dende 1950 a 2000, literatura galega en Madrid con acento cívico chantado no país». Gabou o traballo de Ana Acuña en Madrygal, revista de filoloxía centrada na sletras galegas da que se levan publicados dezaseis números. «Ana Acuña é unha traballadora rigorosa, formiga intelixente, meticulosa. Falou cos 54 protagonistas da obra, personalmente ou por medio de correo. A información reunida por ela nestas historias de vida é extraordinaria».

Detívose o presidente da RAG en explicar que «non todo o que está feito en Madrid por galegos ten dereito a estar neste libro». «É o caso de Valente, que viviu en Madrid durante un tempo, mais que non estivo relacionado cos galegos, non nos procuraba». O profesor relatou como coñecera a Ben Cho Sey e a súa participación na tertulia do Lyon D’Or, que presidía Ramón Cabanillas. Rematou insistindo en que non pode facerse a historia da literatura galega sen ter en conta a diáspora, «hai unha diáspora tamén próxima, a de Barcelona, que está por escribir».

Publicado o 15 Mai 2014 en Libros.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies