“Lembro as baleas varadas na praia cando era nena”

Luisa Castro | Escritora

Luisa Castro (Foz, Lugo) deixara unha obra escrita en galego antes de coller o camiño a Madrid e de aí á súa vida profesional que agora se desenvolve en Francia. O libro Baleas e Baleas, recolle memorias da súa infancia. “É como un tesouro que deixei soterrado antes de irme”, di Luisa Castro tres décadas despois, cando este poemario é reeditado por Galaxia e onde volven aparecer composicións que foran descartadas noutas edicións bilingües.

-Dicías que este libro era como un tesouro enterrado. Por que o desenterraches agora?
Non o desenterrei eu, fíxoo a editorial que o agracezo moito. Os escritores tócanos escribir e os editores tócalles o seu papel. O libro estaba aí adormecido editorialmente, esgotado e máis que esgotado, realmente como case todos os libros meus. Pero este é un libro especial, porque para min é o que ten máis a pegada da miña biografía. É o meu libro escrito en galego, iso significa para min algo evidentemente e porque cando eu marchei de aquí, este libro xa estaba escrito. Pero dalgunha maneira eu sabía que xa ía marchar. A vida vaiche abrindo portas e vas collendo camiños.

-Como se elaborou a reedición?
Chamoume Francisco Castro, director de Galaxia, o verán pasado para dicirme que se cumpría o trinta aniversario, porque eu non levaba a conta, alegroume moito que tiveran a idea de reeditado. E tamén en Galaxia, unha editorial onde sempre limos os clásicos. Pasou un tempo e comezamos a traballar con Ismael Ramos e foi algo sinxelo. Recuperamos o libro tal cal, máis aqueles poemas que formaban parte da primeira edición, porque logo houbera edicións bilíngües nas que eu retirara eses poemas. Foi así que Ismael falou de recuperar a edición orixinal e pareceume bonito, recuperar un libro que estaba aí e que non estaba ao acceso dos lectores. Desde logo a primeira edición, a do “Valle-Inclán”, porque o libro fora accesit ao Premio Esquío do 1988, creo que só teño un libro.

-Hai moitas referencias culturais televisivas e moitas referidas ao mar, pero faltan os piratas. Onde están?
Non me atraen as películas de piratas, penso que a primeira película que vin dese xénero foi a última de “Piratas del Caribe”.

-As baleas que vías en fotos na baleeira de Morás (Xove), que inspiraron o título, sabías que agora están volvendo as baleas azuis ao norte?
Si, si, vino nas noticias. Unha casualidade, algo curiosa. As baleas lémbroas na infancia varadas na praia de Llas, eran cachalotes.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.