Iurisgama impón a súa Insignia de Ouro ao decano do Colexio de Avogados da Coruña

Nun acto co presidente do Constitucional o conselleiro de Presidencia de Galicia e o presidente do Consello de Estado

Madrid | A Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (Iurisgama), que preside o catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa, impuxo hoxe a súa Insignia de Ouro ao decano do Colexio de Avogados da Coruña, Antonio Platas Tasende, nun acto celebrado na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia presidido polo presidente do Tribunal Constitucional, Pascual Salas, que estivo acompañado na mesa presidencial polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, o homenaxeado e o presidente de Iurisgama. O acto foi conducido polo seu anfitrión o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, que dió a benvida ás personalidades e ao numeroso público que encheu as instalacións.

Entre os asistentes estaban o presidente do Consello Xeral da Avogacía, Carlos Carnicer, con outros directivos do Consello; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas Sobreira; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira Pol; maxistrados, catedráticos e xuristas, como Xesús Palmou, os directivos das asociacións profesionais de Madrid e os membros da Xunta de Goberno do Colexio de Avogados da Coruña.

O acto comezou coa lectura, por parte do secretario de Iurisgama, o xeneral José Luis Villasante, da Acta da reunión do pasado mes de decembro na que se acordou a concesión da Insignia ao decano do Colexio de Avogados da Coruña e, por entón, adxunto á Presidencia do Consello Xeral da Avogacía Galega, e a presentación que do homenaxeado fixo Lema Devesa. Na súa intervención, Lema Devesa referiuse á figura do avogado dende as súas orixes ata a actualidade e fixo fincapé na vida do profesor Platas, en especial á súa dedicación universitaria como profesor asociado de Dereito Mercantil na Universidade da Coruña. Ao rematar, Lema Devesa procedeu á imposición da Insignia.

Platas Tasende, que na actualidade preside o Consello da Avogacía de Galicia e ingresou recentemente na Real Academia de Xurisprudencia, correspondeu agradecendo a presenza das autoridades que se achaban na Casa e a distinción que lle facía Iurisgama, que aínda que a recibiu no seu nome tamén a fixo extensiva á avogacía galega en xeral. Falou da avogacía como axente creador de Dereito, da necesidade de contar cos seus informes, na elaboración e promulgación das leis, a través da petición de informes ao Consello Xeral da Avogacía Española, de carácter non vinculante. A razón da necesidade destes informes, explicou, estriba en considerar o avogado como a persoa que está en primeira liña de contacto co cidadán.

Mencionou así mesmo “o extraordinario número de leis en vigor, o que esixe unha permanente formación da avogacía”. “Aínda que é innegable e imparable a evolución lexislativa, procede non caer nun dereito líquido ou amorfo que se afasta dos postulados sólidos e principios xurídicos inmutables provinientes do Dereito de Roma”, valorou. Finalizou mencionando a presenza da Xunta de Goberno do seu Colexio, avogados do seu despacho en pleno e os seus fillos, todos eles comprensivos dun concepto único, a súa “familia plural”.

Alfonso Rueda destacou a traxectoria profesional de Platas nos preto de 50 anos que leva dedicados ao exercicio da avogacía, que lle levaron a recibir importante recoñecementos, como a Cruz de San Raimundo de Peñafort ou a Medalla de Ouro da Irmandade Xurídica Galega.

O conselleiro de Xustiza de Galicia agradeceu ao homenaxeado a súa achega para que a relación entre a Xunta e os Colexios de Avogados galegos sexa moi cordial, mesmo cando se tiveron que tratar asuntos complexos e delicados. Segundo explicou o conselleiro, a pasada lexislatura marcouse como un obxectivo primordial a interlocución fluída cos colexios de avogados, algo que espera que se manteña durante este novo mandato.

Pola súa banda, Pascual Salas pechou as intervencións explicando que para el era un motivo de satisfacción a súa presenza no acto porque ten moitos amigos galegos e por achar que o mundo galaico ten unha especial vinculación co Dereito e dedicación e especial meticulosidade no exercicio da avogacía. O acto finalizou co Himno de Galicia.