Inicio do curso escolar 2018/2019 na Escola de Música de Xinzo

Ponteareas | A Escola de Música de Xinzo deu comezo o pasado sábado 1 de setembro a un novo curso escolar que se estenderá ata o 30 de xuño de 2019. O curso comeza con preto de 100 alumnos/as, consolidando así unha liña ascendente de aumento do alumnado ano tras ano.

Para dar cobertura ó seu alumnado, a Escola de Música conta cun cadro de 10 de profesores que garanten a ensinanza da maioría das especialidades musicais. As ausencias dos profesores titulares, serán cubertas a partires deste curso escolar mediante listas públicas de contratación que entraron en vigor o pasado 1 de setembro.

Neste novo período lectivo preténdense consolidar todos os cambios introducidos no pasado curso para mellorar a calidade formativa. Están programadas diferentes actividades músico-lúdicas co fin de dinamizar e favorecer a ensinanza musical entre todo o alumnado. Destacan a organización das semanas de Santa Icia, do entroido na rúa, ou a de portas abertas. Ademáis, organizarase un concurso de solistas, o festival de bandas infantís, e o mes da música de cámara. Todo isto complementándose coas audicións trimestrais correspondentes.

Neste novo curso escolar, a Escola de Música de Xinzo comezará a impartir clases no Centro Cultural de Arcos, como resultado do acordo alcanzado entre ambas entidades, que de seguro redundará no beneficio de toda a poboación de influencia da parroquia ponteareá de Arcos.

A principal novidade para este curso 2018/2019, serán as obras que se acometan por parte do Concello de Ponteareas nas instalacións da Escola de Música co fin de mellorar e ampliar a súa capacidade.

Segundo Francisco Represas, Presidente da Banda de Música de Xinzo, “A previsión é que as obras comecen en decembro deste ano, e contan cun prazo de execución de aproximadamente 3 meses, nos que non poderemos utilizar as nosas instalacións. Isto levaranos a buscar un sitio alternativo coa suficiente capacidade que nos permita poder continuar o curso da mellor forma posible”.

Por último, animar a todos os interesados/as en iniciar ou continuar o seus estudos musicais, que o fagan
na Escola de Música de Xinzo póndose en contacto nos teléfonos 620 06 14 34 ou 655 29 65 76.