I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia

Pontevedra | Continuando co 25º aniversario do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org), a revista Tempo exterior, dirixida por Xulio Ríos, ofrece no seu Nº 33, período Xullo-Decembro de 2016, as Actas correspondentes ao I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, organizado polo IGADI e o Observatorio de Gobernanza G3 da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, e celebrado en Pontevedra os días 28 e 29 de xuño de 2016.

Este evento, que contou coa colaboración do Concello e da Deputación de Pontevedra, do Consello Social da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, permitiu un intercambio, plural e diverso, sobre diversas reflexións correspondentes á internacionalización de Galicia e á necesidade de vertebración dunha acción exterior institucionalizada e coherente.

Neste sentido, Tempo exterior Nº 33 ofrece o testemuño documental deste Congreso a través de diversas achegas. Comeza coa reflexión sobre Galicia como “célula de universalidade” (conferencia inaugural a cargo de Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega) para dar paso ás diversas sesións organizativas: a Sesión Institucional (Jesús Gamallo Aller, Xoán Antón Pérez Lema e María Pilar Pin Vega); Sesión Económico-Empresarial (Fernando González Laxe, Abel Veiga Copo e Manuel González López); Sesión Social (Emilio M. Martínez Rivas, Teresa Moure e Xavier Alcalá); Sesión Educativo-Cultural (Xosé Ballesteros, Margarita Ledo e Antón Reixa); e finalmente a Sesión de Clausura, a cargo de Marián Elorza, secretaria de Acción Exterior do Goberno vasco, e Manuel Manonelles, director xeral de Asuntos Multilaterais da Generalitat de Cataluña. Tamén inclúe unha comunicación presentada por Rosa Ricoy sobre a cooperación transfronteiriza.

Finaliza este número de Tempo exterior coas Conclusións do Congreso onde se recolle a necesidade de fortalecer a sensibilidade institucional e cívica sobre a transcendencia da acción exterior, a fin de que Galicia logre adaptarse aos novos tempos e non quede á marxe da formulación de procesos de acción exterior e de internacionalización que xa levan adiante outras Comunidades Autónomas.

Para máis información e subscricións: Tlf: 986 84 34 36. E-mail: info@igadi.org