Gonzalo Caballero chama a abrir “unha etapa de oportunidades de futuro” para Galicia

O secretario xeral e candidato á Presidencia da Xunta sinala que "Feijóo non é un bo político nin un bo xestor para Galicia" na proclamació dos candidatos socialistas ás autonómicas

Fuenlabrada/PSOE | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu este sábado no acto de proclamación dos candidatos socialistas ás vindeiras eleccións autonómicas para reivindicar que “Galicia necesita un cambio” tras dez anos de goberno da dereita.

“Temos que abrir unha etapa de oportunidades de futuro para os galegos e as galegas”, recalcou o líder do PSdeG, consciente de que Feijóo “deixa unha Galicia cunha economía máis débil, cun medio rural abandonado, con recortes sen precedentes en dereitos sociais e con salarios e pensións máis baixas” que no resto de España.

Á vista destes datos, en presenza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, Gonzalo Caballero explicou que, “cando Pablo Casado di que o seu espello é Feijóo”, hai que dicirlle que “Feijóo non é un bo político nin un bo xestor” senón que ten sido “un rei espido” que ofrece unha imaxe de Galicia que non é “a real”.

Pola súa banda, despois de explicar que sigue compatibilizando a súa actividade profesional como docente universitario coa Secretaría Xeral do PSdeG, para o que foi elixido hai un ano en primarias, o dirixente socialista enfatizou: “Non me quero resignar a que a Galicia dos meus fillos sexa unha Galicia sen oportunidades”.

Na mesma liña, Gonzalo Caballero rexeitou que a Galicia do futuro ofreza “unha sanidade pública deteriorada e privatizada”, na que non haxa “dereitos” para as persoas maiores e na que, en definitiva, haxa “menos futuro”. Para combater isto, receitou “máis socialismo, máis igualdade e máis solidariedade”.