Gonzalo Caballero anuncia o voto favorable do Grupo Socialista no Congreso ao debate sobre a transferencia da AP-9 a Galicia

O secretario xeral transmite “todo o apoio” do PSdeG aos xefes de servizo de centros de saúde da área de Vigo que dimitiron para protestar polo “deterioro continuo” que está causando o PP na Xunta

Santiago de Compostela/PSdeG| O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe, nunha comparecencia ante os medios durante o transcurso da xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega, que o Grupo Socialista votará favorablemente no Congreso ao debate sobre a lei de transferencia da AP-9 a Galicia.

Fronte aos “vetos” impostos pola dereita, contrastou Gonzalo Caballero en alusión a PP e Ciudadanos, “os socialistas estamos avanzando” e permitindo que o asunto entre na axenda política estatal.

“En sete anos de goberno do PP en España, Feijóo non tivo peso político para convencer ao seu partido de que era un tema importante para os galegos”, recordou o líder do PSdeG, para poñer en valor que “houbo que esperar a que chegara un goberno socialista” para que puidera ser debatido.

Agora, proseguiu Gonzalo Caballero, o acordo unánime do Parlamento de Galicia será abordado no Congreso dos Deputados, o que permitirá “buscar solucións ao problema das peaxes excesivas” que son “herdanza do PP e de Aznar” ata 2048.

O máximo dirixente do PSdeG seguirá dende o hemiciclo, xunto con Xoaquín Fernández Leiceaga, a intervención de Luis Álvarez, o deputado socialista que defenderá a postura do Parlamento galego na Cámara baixa.

Con anterioridade, manterá un encontro cos deputados galegos nas Cortes e cos responsables do Grupo Parlamentario Socialista.

Na súa comparecencia ante os medios, o secretario xeral tamén trasladou “todo o apoio” dos socialistas galegos aos xefes de servizo dos centros de saúde da contorna de Vigo que dimitiron en protesta polo “deterioro continuo” que o PP dende a Xunta está causando no servizo público.

Ao respecto, Gonzalo Caballero recordou que hai un ano, na súa reunión con Feijóo, advertiulle que “o deterioro da calidade da sanidade pública era unha liña vermella que os socialistas non podiamos consentir”. “E cada día que pasa vemos que o deterioro que está provocando é cada vez máis palpable”, incidiu, para instar ao presidente da Xunta a que “rectifique” a súa política sanitaria.

En paralelo, o secretario xeral do PSdeG deu conta da confección do comité electoral galego de cara ás vindeiras eleccións municipais e europeas, que estará coordinado polo secretario de Organización, José Antonio Quiroga, terá como vicecoordinadora a Paloma Castro, membro da executiva galega, e a Iván Puentes como coordinador da campaña municipal.

Este comité incorpora un comité de estratexia, coordinado polo presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e do que forman parte os tres presidentes de deputación socialistas, os catro secretarios provinciais, os alcaldes con competencias municipais na executiva galega do partido, o presidente da Fegamp e a alcaldesa de Lugo, entre outros.

En paralelo, a comisión encargada de redactar un programa marco para as vindeiras citas coas urnas estará liderada polo vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, e a secretaria de Estudos e Programas, Ana Prieto, e integrada por representantes do partido nos distintos ámbitos.