Goberno local da Coruña foi capaz de desbloquear os orzamentos municipais

O grupo de Goberno foi capaz de mitigar o recorte de máis de 11 millóns de euros propostos pola oposición a principio de semana.

orzamentos a coruña

A Coruña | A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, saudou que tras a celebración no Pazo de María da Comisión da Facenda Municipal na que se analizaron as reclamacións ao proxecto de orzamentos para 2017, as contas locais quedasen desbloqueadas.

“Posibilitamos o impulso da aprobación definitiva do presuposto municipal para este ano, aínda que temos que lamentar que estas seguen sen ser as contas desexadas, xa que deberemos afrontar un recorte de ingresos inxustificado de 5,6 millóns de euros”, explicou a responsable municipal.

“Tras un proceso de negociación co grupo socialista, dende o Goberno local fomos capaces de mitigar o recorte de máis de 11 millóns de euros no proxecto orzamentario propostos a principios de semana por PP e por PSOE”, destacou a titular de Facenda quen, non obstante indicou que “aínda que menor, o Executivo terá que facer fronte a unha rebaixa de case 7,3 millóns entre previsións de incremento de gasto e de redución de ingresos”. “Para nós, os recortes aplicados non teñen xustificación real, máis alá do mero bloqueo e obstaculización da acción do Goberno e do seu proxecto orzamentario, logo incluso de que as súas contas superasen unha cuestión de confianza”, salientou. “Agora toca seguir traballando para poder adecuar as baixas introducidas no proxecto orzamentario dentro da Comisión da Facenda”, dixo a concelleira, quen destacou que “isto derivará na aplicación de recortes e, por tanto, afectará a programas deseñados polo Executivo que teñen como fin último mellorar a vida da cidadanía, e facer desta unha cidade máis xusta”, comentou.

En base ás votacións de reclamacións efectuadas na Comisión da Facenda, o proxecto orzamentario experimentará un recorte na previsión de ingresos de 5,6 millóns de euros e unha estimación no incremento do gasto de 1,6 millóns. No que atinxe ás baixas de ingresos destacan catro millóns de euros procedentes de non estimar os ingresos por dividendos da Empresa de Augas da Coruña Emalcsa. “Este recorte foi proposto polo PP e semella ter como único obxectivo privar ao Goberno local dos ingresos por beneficios dunha empresa 100% pública e municipal”, analizou Vieito, quen destacou que “esta proposición do Partido Popular ten aínda menos sentido xa que eles, durante os catro anos que estiveron no Goberno local, fixeron exactamente o mesmo”.

O recorte na previsión de ingresos vén motivado ademais por unha redución de 1.650.000 euros no que atinxe á previsión de recadación por distintos tributos municipais. Ademais, entre as reclamacións aprobadas hoxe tamén figura outra que contabiliza un incremento da previsión de gasto de máis de 1,6 millóns de euros correspondente ao pago de facturas relacionadas co servizo de transporte público. “Non nos parece de recibo que a cidadanía da Coruña teña que soportar uns recortes desta magnitude no orzamento municipal cando ademais o noso proxecto presupostario xa superou unha cuestión de confianza. Non todo vale, e na loita política non entran aquelas cuestións que inflúen na vida da cidadanía”, comentou Vieito, quen non obstante manifestou que “por compromiso coa veciñanza, cremos que é necesario que o proxecto orzamentario para 2017 se aprobe xa, e iso foi o que conseguimos hoxe nesta comisión”.

“Supoñemos que o PP sairá a dar a cara no momento no que a cidadanía pregunte por que se lle decidiu aplicar un recorte neste orzamentos que afectará a programas e intervencións demandadas, e explicará por que decidiu forzar esta situación”, recordou.