Galicia, nai e señora.

Pido disculpa a Pepe Cuiña (q.e.p.d.) por utilizar a expresión que el fixo famosa referíndose a como sentía a Terra.

Estes días celébrase o Día da Nai e o vindeiro día 17 o día das Letras Galegas. Algo que representa  a esencia dun País, a súa propia fala.

Falar das nais é algo que todos podemos facer con naturalidade. Todos somos fillos de alguén, aínda que nestes momentos teñamos que asistir a situacións desagradables de fillos que non coñecen e non coñeceron as súas nais; outros que se viron en fogares que non seran e non son os seus propios. A situación do mundo non foi quen de asosegarse nos últimos séculos e hoxe presenciamos películas humanas auténticas que nos poñen os pelos de punta. Calquera fillo/a que non poida ter lembranzas de seus pais, pero dunha maneira especial de súa nai, sente un oco interior que no  será quen de encher en toda a súa vida. Eu tiven  a grande sorte de contar cunha nai que dende o seu rigor á hora de educar os seus fillos demostrou a súa capacidade inmensa de ser quen de facer que a nosa vida, e fomos nove irmáns, se desenvolvera nun clima de amor e tranquilidade impagables. Meu pai, debido á súa profesión, non tiña que “pelexar” dirariamente con todos nós. Era a nosa nai quen día a día tiña que organizar a nosa existencia para que todos, cada quen na súa actividade, non sairamos da liña trazada en canto a un comportamento de respecto non só a ela senón a todos os veciños e familiares cos que tiñamos relacións. Levaba como “medalla ao seu traballo e dedicación, o feito de que as demais nais e pais susoiraran , “canté os fillos de Encarnación; nunca ninguén dixo nada malo deles”.

Pero tamén as propias donas de cada que poden ser consideradas nais, pois así son, nais dos fillos /as do matrimonio. E neste sentido eu fun tocado pola Providencia ao darme unha “nai dos fillos/as” que non tivo prezo. Mami, como todos lle chamamos aínda que xa non está connosco, foi algo especial; algo que resulta difícil atopar. Eu digo sempre que me preguntan por ela que, “se hai ceo ten que estar  alí; e se non está é porque non hai ceo”, Isto non é unha frase máis ou menos ocorrente, Isto é unha convicción profunda que ninguén pode discutirme.

A todos os seis fillos/as que trouxo nas súas entrañas os educou, os amou, os defendeu sempre fronte a calquera circunstancia como unha loba defende os seus cachorros. Pelexou incansablemente para que todos/as foran persoas educadas, respectuosas con todo o mundo, solidarias cos mais necesitados (ela era un puro exemplo de solidariedade; ao seu lado ninguén pasaba fame, nin frio, ni falta de cariño). Fomos felices con ela, todos. Eles e máis eu. Para nós o Día da Nai é algo especial, porque “a nosa nai” era moi especial.

As nais son eses seres humanos, que ás veces parecen divinos, nacidos para unha entrega total e absoluta aos seus fillos/as. Pode ser que algunha, que levou moitas tundas da vida,  nalgún momento abandonou os seus fillos ou non os tratou con cariño de nai, iso acostuma a ocorrer, pero son casos especiais que demostran ata que punto a vida pode golpear as persoas. Porque cando unha nai deixa noutras mans os seus fillos é porque se ve incapaz de darlle, precisamente, aquela vida que ela soñara cando o levaba nas entrañas. Non existen nais desnaturalizadas; existen nais desgrazadas, golpeadas pola vida, maltratadas polos mundo e, incluso, en moitos casos  polos propios familiares.

Galicia tamén é nosa nai!! Non así España; lembremos aqueles versos cantados por Suso Vaamonde, “cando me falan de España sempre teño unha disputA, se España é miña nai eu son …… Galicia era para  Pepe Cuíña unha nai e señora. Obviamente nun sentido diferente ao que antes aquí tratramos. Pero non  hai dúbida da maternidade dun Pobo que pariu tanta arte, tanta cultura, tanta poesía. Que deu de comer aos nosos ancestros e moito máis seguiría dando se fora entendida como esa nai que só quere amamantar os seus cachorros. Din que non ten leite para todos, que teñen que traelo doutros lugares en forma de esmola. Unha nai que se sabe capaz de criar os seus fillos/as non acepta de bon grao que veñan de fóra a repartirlle farangullas que sobran nas mesas dos señores.

O día 17 celebraremos As Letras Galegas. Pero o noso idioma está de festa cada día nos beizos dos galegos/as  que o utilizan.

Como nos deixou dito Manuel Maria “Galicia é o  sol, a choiva, a fala,  se queres a Galicia en ti tes que atopala”.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»