“O futuro das librarías está na especialización”

Pablo Couceiro | Libraría Couceiro

Os case cincuenta anos da libraría Couceiro en Compostela non se poden condensar nunha so entrevista. Detrás destas case cinco décadas hai unhas etapas que lle foron dando carácter, personalidade propia a esta libraría. Hoxe, dez anos despois de reinstalárense na zona vella de Compostela, en concreto na praza de Cervantes, Pablo Couceiro e a súa irmá María, continúan co traballo que iniciara seu pai no 1969.

-A historia dos últimos anos de Compostela non se pode desligar de Couceiro.
-No ano 1969, no mes de marzo, abriron meus pais a primeira libraría na rúa de San Pedro. Era unha libraría xeneralista e moi pequena, como case todo o comercio familiar. No ano 1975 trasladouse para a zona nova. Logo entre os anos 1978 e 1983 foi cando comezou a especializarse. Primeiro en libro galego, despois entre o 1982 e 1983, cunha reforma no local, engadiuse libro vello.

-O libro vello tivera boa acollida?
-Si porque naquel momento desapareceran case todas as librarías de vello en Compostela. A frase nesta casa era “o libro vello mantén o libro novo” ata a chegada da crise, que “o libro novo mantén o libro vello”. O libro vello é un artigo que vas vender a unha biblioteca, cunhas edicións especiais ou a unha persoa que realmente é coleccionista. É un libro que compras por impulso, porque ao mellor che interesa esta ou aquela edición.

-Que retos vai afrontar ou quere afrontra Couceiro no futuro?
-Como mínimo manterse. Pasamos unha época moi dura, cun investimento moi grande para un negocio familiar e que foi este novo edificio. Unha época dura non porque non se vendese ao público o que se vendía, senón porque perdiches moitas vendas en libros a centros, bibliotecas e a institucións que antes tiñan un orzamento determinado para gastar en libros e que agora baixou enormemente.

-Hai recuperación?
-Desde hai dous ou tres anos comezamos a sentir que comezas a respirar. Con certos límities polo investimento que comentei, pero si que houbo un pulo e que as vendas subiron pero cun esforzo moi grande. Couceiro vai a actos se o chaman, sae á praza de Cervantes xoves e sábados se non chove, para vender libros arrodeando a fonte da praza.

-Cal é o papel das librerías diante das novas tecnoloxías?
-Aquí sempre defendimos que as novas tecnoloxías son fundamentais. O libro electrónico como ferramenta de traballo sempre o defendemos. Un exemplo, aquela enciclopedia de dereito que eran cen volumes, agora tela nun aparello onde en dous minutos podes consultar a lei que buscabas. Se vas de viaxe co teu libro electrónico xa non vas con cinco ou seis volumes. Pero tamén defendemos que se che gusta de verdade ler, gústache o libro de papel. O libro de papel non é só lelo, é tocalo, dobrar a páxina para lembrar tal frase. As últimas estatísticas en España daban unha baixada no libro electrónico fronte ao libro de papel. Hai quince anos daban por desaparecido o libro de papel. Pero xusto esa época coincide coa crise. O futuro das librarías pasa pola especialización. O noso problema agora mesmo é a venda das grandes superficies e das compañías ou as grandes cadeas tecnolóxicas. A mellor maneira de competir é a especialización.

-Non quixeron dar o paso á venda online?
-Couceiro tivo unha páxina web pero deuna de baixa. Necesitabas unha persoa adicada unica e exclusivamente á súa actualización. Logo estaba o tempo, porque Amazon sérvecho en vinte e catro horas e cun pedido mínimo non che cobra portes. A nós os portes era imposible asumilos. A nosa opción é que eu vou estar aquí fisicamente e podo dicir “non teño ese libro, pero podes atopalo en tal ou cal lugar”, porque están especializados.

-Cal é a actitude da xente máis nova cara o libro en galego?
-Aí eu sempre dixen que non depende tanto da escola como da casa. Estamos falando dunha época vital complicada. Os rapaces de cativos absorven todo. Pero na adolescencia tés que competir cun mundo desproporcionado que é moi difícil. Sempre digo que entre os doce e os dezaoito anos no que perdes lectores. Logo o traballo do libreiro é recuperar eses lectores. Cando viñemos para a zona vella, sorprendeume a canditade de xente nova entre os vinte e trinta anos que vén mercar libros.

-Os títulos para a xente nova abordan as temáticas que lles interesan ou son títulos atractivos?
-Hai de todo, pero en galego falta moito para chegar a iso. Principalmente falta porque non hai demanda de galego. Meu pai hai xa trinta anos dicía que máis que axuda aos libros por parte da administración, debería haber un fomento da lectura. Ao non haber fomento da leitura en galego hai un baleiro. Agora mesmo unha edición grande en galego son 500 exemplares, agás un ou dous autores. Se nunha sociedade coma esta entendemos que unha edición grande son 500 exemplares, algo está indo mal. Non é tanto a temática senón a falta de lectores.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.