• Segue conectado
  • |

Fuso e roca.

…i a tea dos teus soños non se move…
Díaz Castro, Penelope

Enceto estas liñas, xusto cen anos despois de se asinar o manifesto da “Asembleia nazonalista de Lugo” : “Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”. Non era pois só unha rectificación nominalista, senón de intensidade. Tratábase tamén dun chouto xeracional e cultural.

Son os actuais tempos nos que moitas persoas amosan inseguridades a respecto da definición adoptada naquel inverno lucense, e incertezas sobre o acaído punto de intersección entre benestar social e dereitos individuais cos dereitos colectivos que non temos recoñecido como pobo. Cómpre relembrar que o momento da autonomeamento lucense era de plena emerxencia das nacións coa percepción inmediata da extinción duns imperios e a recuada de outros. Na altura,“nacionalismo” era unha verba positiva. Menos de dúas décadas despois o termo ficaría perturbado polo réximes totalitarios de variada pelaxe que no caso ibérico prolongáronse durante decenios.

A crise económica de 2008, a cancelación das expectativas de toda unha xeración, as ameazas sobre o futuro das clases populares, subalternas ou precarias, as inseguridades das persoas que fican fóra do cativo mercado laboral, por expulsión do mesmo ou por idade, puxeron en realce as cuestións sociais e no sentir das xentes do común desequilibraron o punto de encontro entre nación e clases populares que acadara o galeguismo nacionalista nas catro últimas décadas. A causa do desaxuste permanece, pois a crise de 2008, sabémolo xa, dez anos despois, por reiterada experiencia, non é cíclica senón sistémica e as coercións pairan sobre os postulados máis básicos da democracia, tamén na Europa fachendosa creadora da mesma.

Unha outra volta, a perversión do termo estase a producir. No próximo, coa excitación do nacionalismo español. No xeral próximo, dos outros nacionalismos autoritarios que aproveitan a crise para encrespar sentimentos antieuropeos e postular saídas á crise dende o autoritarismo dos vellos estados-nación. No global, podemos agardar o peor.
Para agravar males, o escabroso remate do bipartito e o estoupido do temporal proxecto organizativo do BNG na Asemblea de Amio provocou a división interna máis longa e esgotadora na nación-política dende a asemblea de Monforte de 1922.

As escisións, tanto a representada nas beiras do Cabe como a do mercado de gando, gardan, na nosa opinión, unha semellanza de fondo. Nas dúas, como ao longo de todo o século, a disensión situouse en termos de ou máis lasitude ideolóxica para gañar apoio social e poder político para realizar transformacións pausadas ou máis fortaleza de principios para coutar o perigo da dilución da nación-intensa nun enxebrismo costumista, aínda á custa de ser máis ineficaces. Na IV asemblea a disxuntiva visualizouse no troco do nome do partido, de Irmandades da Fala a Irmandade Nazonalista Galega. Nove anos despois, unha nova xeración puxo en marcha, coa colaboración de parte dos protagonistas da escisión monfortina, o Partido Galeguista. A aquelada dirección do mesmo logrou, nun breve prazo de tempo, a maior cota de soberanía política que Galicia tivera en séculos e que nós, por fortuna, herdamos.

Na de 2012, a negativa, ao longo da asemblea e no tempo posterior inmediato, a que Penelope retecese sen caer nos brazos dos pretendentes, provocou a ruptura na forma de representación política do nacionalismo. Clausurábase un ciclo longo de acción nacionalista que ben poderiamos rastrexar dende a Declaración conxunta UPG-PSG (difundida a finais do 72 ou comezo do 73 pero redactada, en data imprecisa, dous ou tres anos antes) ata o estalo amiense, coincidindo tamén co natural cansazo físico, e intelectual, da elite dirixente do nacionalismo das últimas catro décadas. Remataba, aínda que algúns sectores sigan a defendelo como argumento de consumo interno, un modelo frontista só eficaz cando actuou como partido no marco constitucional e europeo que formalmente rexeitaba.

Vaia en descargo da recomposición organizativa, e para contrarresto dos laios de quen prefire a sosegada unidade dos convencidos á incerta representación da voluble cidadanía, que o brutal impacto do latrocinio perpetrado polo capital transnacional tampouco deixou indemne a representación política da dereita e esquerda españolas.

Escribo estas liñas a uns días de que En Marea resolva o seu desiderátum; ser ou non ser tal. O galeguismo nacionalista pode establecer alianzas previas con quen poida ou desexe pero non renunciar ao principio de autoorganización. Pode modular a autodefinición como nacionalista pero non desbotala, aínda que só sexa como rastrexo da continuidade histórica na loita por dereitos non acadados. Pode, e debe, procurar o entendemento coas xentes que sen se reclamar do “nacionalismo” recoñecen, con intensidade máis ou menos morna, os dereitos que como nación reclamamos e facelo consciente de que a nación galega existe só porque hai unha cidadanía que a reclama como tal e expresa a súa petición en formas organizativas múltiples e diversas.

De resultas desa decisión poderá abrirse, cunha nova xeración á fronte, e aquí o material humano será clave, a superación, tardía, da escisión amiense ou prolongarse o permanente estado de funambulismo actual.

En calquera caso, con maior ou menor dilixencia, teranse que afrontar, na nosa opinión, dous escenarios. Por unha banda, a urxente acumulación de masa crítica, non só, pero tamén, ante as ameazas inquietantes que se perciben na reviravolta do camiño; esa concentración de forzas só precisa un marco de definición: o dereito a decidir.

Por outra banda asumir que a expresión política da reivindicación dos dereitos nacionais vai ser plural, e que esta, ante a permanente indecisión dunhas elites económicas cada vez menos autónomas, vai expresarse en termos de sensibilidade social. Nesta amplitude necesaria, imprescindible, semella obrigado abeirar definicións ideolóxicas estritas e en especial desterrar a pulsión dominante, entre estes, aqueles e os de máis alá, de control grupal ou partidario. Ao noso ver a práctica da alianza previa, nunhas ocasións, posterior noutras, superando as rupturas de comunicación actuais, máis ou menos desexadas ou forzadas, rematará por converterse en realidade.

Atrevémonos a facer outras dúas reflexións, unha práctica, outra psicolóxica. A primeira, no campo da cultura, retecer, mellor recoser de novo o traxe da nación-cultura e da nación-política. Non só semella urxente corrixir os ollares esgazados das dúas caras de Xano, senón superar de vez o cabalo preñado de monstros que introduciu na nosa fortaleza un debate normativo tramposo e abonado por miserias persoais. Cumpriría que as persoas actuantes no campo cultural se decatasen de que se pode sobrevivir nos arrabaldes do poder establecido, mais só será á custa da paulatina e constante perda de visibilidade da nación-cultura.

Como remate, teño a impresión de que, cando menos os do meu tempo, confundimos con frecuencia a acción política coa etnografía presos dunha perversión nostálxica, non dun sentimento individual que acompaña a idade, senón dunha especie de reproche por non dar acadado as ilusións do último medio século, e sometemos as nosas análises ao lamento dun afastado paraíso ecolóxico-lingüístico, sen decatarnos de que, como escribiu David Harvey: “Para que os movementos políticos poidan ter un efecto significativo a longo prazo, deben deixar dun lado a nostalxia”.

Fuso ou roca, o caso é que fíe.


Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.
Publicado o 26 Nov 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies