“Foi posiblemente o narcotraficante mais lexendario que deu Galicia.”

Ramón Campos | Guionista e produtor audiovisual

Ramón Campos (Noia,1975), guionista e produtor audiovisual, creou en 2007, xunto coa súa muller Teresa Fernández Valdés, a empresa de Bambú Producciones. Recoñecido pola creación de series de éxito como Velvet colección, Traición, Las chicas del cable ou a máis recente Fariña, conversamos con el a propósito precisamente desta última, que acaba de pechar a súa primeira temporada en Antena 3 TV con récord de audiencia a nivel nacional e, por suposto, galego.

Dende Guante Blanco, Bambú Produciones non volveu realizar un proxecto baseado na trama policíaca; por que motivo se animaron a crear a serie Fariña?
En realidade si que fixemos outra serie policial,“Bajo Sospecha”, coa que pretendiamos retomar o camiño que fixeramos na nosa primeira serie a nivel nacional: “Desparecida”. Dende o primeiro guión que vendera na miña vida, “Entre Bateas”, levaba tempo tentando facer unha nova serie sobre o narcotráfico en Galicia. Foi no momento que lemos o libro de Nacho Carretero cando atopamos a forma de que unha cadea, A3, aceptase. De calquera xeito, en “Fariña” non buscaba tanto contar unha trama policial como facer un retrato dun momento da historia de Galicia do que case non se sabía nada a nivel nacional ou internacional.

Á parte do libro de Nacho Carretero, documentouse dalgunha outra maneira? Se é así, cal?
Nacho Carretero traballou con nós man a man no desenvolvemento dos guións. Ademais el deunos acceso a coñecer a algúns dos protagonistas reais da historia: o fiscal Zaragoza, algúns narcos… pero sobre todo a principal fonte de documentación foi o seu libro, porque era un traballo moi exhaustivo e nas súas páxinas estaba todo.

Na serie observamos con gran nitidez todo o mundo do narcotráfico, pero non se reflicten moito as consecuencias da chegada da droga a Galicia, sobre todo na xuventude. O impacto social foi tremendo, xeracións de mozos e mozas, así como as súas familias, víronse afectadas por esta lacra. Non se debería ter incidido un pouco máis neste aspecto? Non teme que a serie converta aos narcos en heroes sociais?
Unha serie de televisión é como unha novela, hai que valorala en conxunto. As consecuencias do que en principio a sociedade galega aceptou como normal aparecen. Por outra parte, penso que a ninguén lle gustaría rematar como remataron a maioría dos que aparecen na serie: ou no cárcere ou no cemiterio.

Por que o personaxe de Sito Miñanco cobrou máis relevancia na serie ca outros narcotraficantes da época?
Porque Sito resumía para nós a viaxe de ascenso e caída. Un rapaz ambicioso, intelixente, que quere medrar e que non sabe frear a tempo e remata caendo no lado escuro. Como personaxe, a nivel narrativo, é posiblemente o que fai a viaxe mais clara e tamén porque foi posiblemente o narcotraficante mais lexendario que deu Galicia.

Recentemente, en Cádiz a policía tentou deter a un narco e 200 persoas evitárono interpoñéndose para protexelo, feito moi similar ao que pasaba na época de Pablo Escobar en Medellín; na serie, Sito Miñanco tamén é querido polo pobo, polo que observamos tres reaccións similares da sociedade en tres épocas distintas. Que opina acerca disto?
A verdade é que hai que entender as situacións no seu contexto histórico e social. Todo é consecuencia duns feitos. Sito Miñanco soubo gañarse ó pobo nun momento no que todos pensaban que so traficaba co tabaco e iso en Galicia era algo aceptado pola sociedade. As persoas que evitaron a detención do narco en Cádiz traballaban con el… por non falar de Pablo Escobar, que tiña comprado a un país enteiro.

En diversos medios publicouse que na última detención de Sito Miñanco se encontrara na súa casa un guión dividido en capítulos da serie Fariña. Colaborou, tal vez, no guión? Que hai de certo nisto?
Sabemos que é certo, aínda que non temos nin idea de como se fixo cos guións da serie. Non colaboramos con el pero sabemos que dixo que a serie parecíalle entretida aínda que había cousas coas que non estaba de acordo.

Malia que Fariña se emitiu por unha cadea nacional, sendo unha serie tan galega, non sería natural que os galegos puideramos gozar dela na nosa lingua e que para o resto de España estivese traducida ou subtitulada? Consideraron, quizais, que de facelo así a verían menos espectadores ou houbo outros motivos?
É unha utopía pensar en facer unha serie en galego para unha cadea de ámbito nacional. Iso unicamente iría en detrimento da serie e da repercusión. É igual que pedir que en “Gladiator” falasen en latín por unha cuestión de verosimilitude. Seguramente de telo feito así, non estaríamos falando da repercusión de “Fariña”.

Cada capítulo leva como título un ano da década dos oitenta. En que se quixo incidir utilizando estes títulos?
En cada capítulo tratamos o que aconteceu neses intres en Galicia. Por iso decidimos dividir así a historia. A primeira temporada vai dende finais dos 70 ata primeiros dos 90.

Como viviu a grande acollida que tivo a rodaxe entre a poboación da súa vila natal e da comarca?
Para min é un orgullo e unha débeda que tiña con Noia poder ir a gravar algo alí. Co exalcalde de Noia falara moitas veces da posibilidade de gravar na nosa vila e con “Fariña” atopei a ocasión perfecta. A verdade é que non puido ser unha decisión máis acertada, porque atopamos todo o apoio tanto do pobo como das autoridades.

A maioría das súas producións teñen un alto índice de audiencia e Fariña non é menos; cal é o segredo do éxito?
Sempre tentamos analizar o público da canle, o tipo de serie… pero no caso de “Fariña” tivemos moita sorte porque grazas á detención de Sito Miñanco e do secuestro do libro a historia pasou a primeira liña informativa e esa foi a mellor promoción que puidemos ter. Non existe un secreto para o éxito, só facer as cousas da mellor forma posible.

Xa para rematar, con que nos sorprenderá Bambú despois de “Fariña”? Que novos proxectos afrontarán?
Agora mesmo estamos traballando na terceira tempada de “Las chicas del cable en Netflix”; na segunda de “Velvet Colección” en Movistar; en “45 revoluciones” para A3; na serie documental “El crimen de Alcasser”, para Netflix; e noutros proxectos dos que non podemos falar pero que non tardarán en facerse públicos.

Xulia Boo Miguéns