• Segue conectado
  • |

Fallados os Premios Peña Novo pola normalización da lingua galega na súa XXIII edición

Premios Lois Peña Novo

O xurado composto por D. Xosé Manuel Cid, Dtor. en pedagoxía e profesor da UdVigo (Ourense); Dª. Consuelo Castro Rey, avogada do Estado-Xefe en Galicia; D. Xurxo Martínez González, investigador e técnico NL concello de Redondela; Dª Flora Miranda Pena, médica e política; D. Xosé M. García Crego, xubilado industria editorial e Dª. Carme Pérez Vaquero, secretaria Fundación Peña Novo outorgou os premios a:

Dª. SANDRA PIÑEIRO VILAS, maxistrada no Xulgado do Social nº 3 de Lugo. Ingresa na carreira xudicial no 2005 e desde ese mesmo momento o seu compromiso coa lingua a leva a desenvolver a súa actividade profesional en galego. A súa constancia nese maxisterio galeguizador fai e fixo que moitos avogados e avogadas así como funcionarios e funcionarias e outros axentes xurídicos seguisen o seu exemplo, dándolle un prestixio ao noso idioma no ámbito xudicial. Suliña o xurado a súa traxectoria impecable na defensa do uso da lingua galega no seu ámbito profesional no que leva ditado máis de catro mil sentenzas e de dez mil autos e resolucións xudiciais en galego, creando dese xeito un corpus documental de gran riqueza para o noso idioma supoñendo ese esforzo persoal un enorme paso para a divulgación do galeguismo xurídico.

D. XURXO MARIÑO ALFONSO, Neurofisiólogo, doutor en Bioloxía, profesor da Universidade da UdC e comunicador científico. Membro da sección de ciencia, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega e do grupo de investigación Neurocom da UdC así como de varias sociedades científicas españolas e internacionais nas que desenvolve un traballo de investigación en neurobioloxía e estudo de ferramentas estatísticas para análise. Difusor incansable da ciencia en galego, artellou espazos novedosos como os Cafés-teatro científicos, os Discurshows ou Os monólogos tratando cuestións científicas dunha maneira pedagóxica e distendida. Defensor do espallamento do coñecemento na nosa lingua, salienta o xurado o compromiso que vén mantendo desde hai anos exercendo a docencia universitaria en galego, servindo de exemplo para as súas alumnas e alumnos, e convertíndose nun exemplo a seguir dentro da comunidade universitaria.

A ASOCIACIÓN CULTURAL E PEDAGÓXICA PONTE NAS ONDAS que vén desenvolvendo, desde hai máis de 20 anos, un labor de transmisión e posta en valor do patrimonio inmaterial común entre Galicia e Portugal no que a lingua é o soporte da experiencia da asociación que se desenvolve tanto no ámbito cultural como educativo e social a través da radio, internet e/ou a dinamización da cultura popular. O labor de Ponte nas Ondas achégase a sectores sociais diversos destacándose o labor de transmisión do patrimonio realizado a partir da experiencia das comunidades de portadores que achegaron o seu coñecemento para levalo, non só as aulas, senón poñéndoo en valor coa presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués diante da UNESCO. Recentemente este organismo acreditou a Ponte nas Ondas como ONG consultora en temas de patrimonio inmaterial, coa colaboración de prestixiosos antropólogos, filólogos e outros investigadores do social. Considera o xurado que o traballo de implicación de diversos sectores pero sobre todo da mocidade utilizando a lingua e defendendo un xeito de ser e unha cultura propia, é merecente dun recoñecemento social.

Publicado o 2 Xuñ 2017 en Aldea Global, Cultura.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies