Existe Galicia para os galegos de pro?

Non se trata dun titular provocativo, non. Fai referencia á resposta que nos demos nas últimas eleccións xerais ao Estado Español borbónico. Claro que Galicia existe. Aznar chamáballe “ese rincón de la España del Noroeste”. Esa Galicia existe, claro que si. Pero aquí, dende hai xa unhas cantas décadas (van aló 60 anos virados), falamos doutra Galicia, obviamente. Falamos da Galicia de Manuel Antonio, de Rosalía, de Curros, de Castelao, de Alexandre Bóveda… e de tantos e tantos outros que, nalgúns casos, deron a vida por ela. Esa é a nosa Galicia. Esa Galicia non estivo presente nos tabuleiros oficiais da noite do pasado dia 28 de abril, día das Eleccións Xerais do Estado borbónico. As forzas políticas de Madrid, as que maman do ubre madrileño e veñen aquí a disfrutar como ananos das nosas rías, da nosa paisaxe, do noso polbo, do noso marisco…esas non falaron de Galicia para nada. A súa maior preocupación era que porcentaxe tiñan obtido sobre as demáis forzas políticas; se poderían formar goberno sós ou acompañados de quen…, nuns casos, ou se poderían impedirlles formar goberno nos outros casos.

Tamén é certo que os únicos culpables somos nós. Non é galego de pro quen teña nacido en Galicia como podería ter nacido en Groenlandia. A un galego de pro móvenselle inconscientemente os pés cando oe unha gaita galega ou tocar unha pandeireta. Non pregunten por que; é algo consubstancial coa esencia de ser e sentirse galego. Estea onde estea, ese sentimento sempre o vai conmover.

Claro que iso non é suficiente para que, diante dunhas eleccións como as do pasado día 28A, eses galegos de pro foran estimulados coordinadamente para apoiar e mandar a Madrid dignos representantes propios, sen ataduras nen condicionantes alleos aos intereses propios da Nazón Galega. Si, si; digo ben : NAZÓN GALEGA. Porque queiran ou non, nós somos unha nación igual que o son nacións Cataluña e o País Vasco. Outra cousa é que os academicistas e os que se rexen polo, bandullo fagan coma o ínclito vigotillo e nos denominen “terras do noroeste peninsular”. Porque hai algo que algúns non queren entender. Galicia xa era tal cando España nin sequera era un proxecto de país.

Por estas e outras razóns que sería moi fatigoso para os lectores dos xornais de deportes (que son os máis) nós afirmamos sen discriminacións de ningún tipo, pero tamén sen ceder unha migalla da nosa crenza histórica, que Galicia é algo tan importante que aínda non nos decatamos diso. E nese saco teño que meter aos dacá e aos dalá; aos que se senten de pureza de sangue (moi perigosa crenza cando de facer PAÍS se trata) coma aos que declarándose galegos de pro teñen tan pouco miolo que, sabendo como as gastan os burócratas madrileños, non son quen de presentarse agarrados da man para entrar no Parlamento do Estado e defender a esta TERRA NOSA sen ataduras nin limitacións. Tristemente cada lexislatura que pasa a Galicia dos “bos e xenerosos” aparece máis esfarelada. Se Felipe González nos utilizou como moeda de cambio nas negociacións para entrar no Mercado Común Europeo pasando polo recastrado de “galego coma ti”, ata chegar ao momento actual no que vemos como Euskadi ou Cataluña (incluso Canarias) se chantan en Madrid mostrando os seus reales e facendo valer o peso dos seus votos de pura raza, non delegados de partidos centralistas.

Uns vanse, outros vanse, Galicia sen homes queda que a poidan representar como se merece. Non é chauvinismo, non é discriminación social ningunha, é simple e llanamente a Galicia irredenta que segue na procura dos bos e xenerosos. Ata cando imos seguir así; ata cando imos non sentir vergoña de que nos consideren traidores á TERRA? Eu por ti e ti por min e a casa sen varrer. Así deixamos a Galicia o pasado día 28A. Fóra do mapa político. Agora virán de vacacións e felicitarannos polos nosos viños, polos nosos mariscos polos nosos carneiros á brasa. Virán a encher o bandullo pero volverán para Madrid porque para eles Galicia é iso: gastronomía, paisaxe, aire puro, praias sen contaminar, de momento.

Pero as nosas estradas non son nosas. Son dos fondos de voitres que nos despluman quilómetro a quilómetro. Os nosos estaleiros xa non se sabe ben de quen son. Os nosos viños engalanan as mesas de chineses, de americanos de asiáticos que lle chaman viños españois; Galicia non conta nin para iso.

E así seguiremos. O próximo ano teremos eleccións autonómicas (é o máximo que nos permiten ter). Os partidos centralistas xa están afiando os coitelos. E os partidos nacionalistas ou galeguistas que pensan facer? Irán cada quen pola súa conta para non molestar os Pedritos de turno, a los Riveritas del IBEX -35 ou os Casados de novo cuño? Iso é o que veñen facendo nos últimos 50 anos. Daqueles intentos de Unidade Galega nunca máis se soubo. Hoxe temos partidiños coma fungos. Non chegan a ningún sitio pero “son puros, de pura raza”. Iso din eles. Así nos vai.

Perdóenme que me puxese tan tráxico. É que teño unha carraxe que me cabreo comigo mesmo. Vostedes págano caro. Sexan felices se poden. Estes políticos non nolo están poñendo fácil, precisamente.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»